Os Bolechas presentan o novo libro "Amigas e amigos con diabetes"

A nova lectura da familia pretende representar aos nenos e nenas galegos que sofren diabetes e axudar a normalizar a percepción da doenza entre a poboación. O acto de presentación tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e contou coa presenza do autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, que debuxou coa cativada e asinou libros entre os asistentes.


28 de novembro de 2023



“Amigas e Amigos con Diabetes” é o novo libro-guía dos Bolechas promovido pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (ANEDIA), que foi presentado no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con motivo do Día Mundial da Diabetes, o pasado venres 24 de novembro. O acto contou coa asistencia do autor dos Bolechas, Pepe Carreiro que realizou un pequeno taller no que tivo a ocasión de falar con todos e todas sobre a creación do libro, debuxar coa cativada e asinar libros entre os asistentes.

Tíos e tías, avós, madriñas, amigos, veciños, profesionais da saúde e da educación, todos podemos axudar na diabetes. E tamén Os Bolechas, que nesta nova guía buscan representar a situación que viven moitas familias galegas que sofren a enfermidade e que viven situacións complicadas no seu día a día e en ámbitos como son o educativo e o sanitario. O libro facilita a comprensión do que significa a diabetes tipo1 e como podemos axudar no día a día ante esta doenza.

A obra está destinada as nenas e nenos en idade escolar e as súas familias, co fin de impulsar o coñecemento sobre a diabetes, contribuíndo a normalizar a percepción da enfermidade entre a poboación. O principal obxectivo é visibilizar esta doenza que sofren tantas nenas e nenos, mantendo un carácter divulgativo e pedagóxico, co fin de proporcionar información e unha axeitada educación diabetolóxica, teórica e práctica, a familiares, escolas e poboación en xeral.

De forma lúdica e didáctica, os nenos e nenas puideron divertirse a través destes divertidos personaxes, ao mesmo tempo que comprenden as dificultades polas que pasan os enfermos de diabetes e como deben actuar ante esta doenza, impulsando a promoción, intervención e integración dos doentes.

 

ANEDIA

A Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (ANEDIA) xorde a comezos do 2013 grazas a un pequeno grupo de nais e pais da área de Pontevedra que tomaron a determinación de fundar unha asociación para loitar polas necesidades dos seus fillos e fillas con diabetes, xa que se sentían desprotexidos en moitos ámbitos e comezaron a reivindicar máis axuda ante os organismos públicos. Pouco a pouco, a asociación foi medrando e facéndose presente na maioría de áreas sanitarias de toda Galicia. No ano 2018 ampliaron a idade ata os 29 anos, actualmente a sede social está en Pontevedra, na Casa Azul, pero están presentes nas catro provincias galegas.









Arquivos