Os Bolechas saen de xira este Nadal co Crebanoces

Desde o 18 de decembro ata o 4 de xaneiro os Bolechas percorrerán oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística coa nova función “O crebanoces”.


15 de decembro de 2021



Este sábado, 18 de decembro, comeza a xira de Nadal dos Bolechas que os levará por oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A popular familia volve participar neste programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Gadis e coa Televisión de Galicia, cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets, tal como indicou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, na presentación da xira realizada no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. García Gómez recordou un ano máis o gran labor desenvolvido polos Bolechas no uso da lingua galega en todas as contornas: familiar, de ocio, educativa etc. Asegurou que os Bolechas son “un referente” para as nenas e nenos de Galicia e tamén para as familias, polo que non poden faltar “na axenda de actividades infantís na nosa terra”.

Tamén o son para a Televisión de Galicia e para Gadis, entidades que colaboran coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para facer posible un ano máis esta xira. Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, asegurou que para a televisión galega é unha satisfacción ver o seguimento que teñen os Bolechas entre a cativada e que un produto galego e en galego sexa un referente para as nenas e nenos da nosa comunidade.

Iria Rodríguez, responsable de RRPP e RSC de Gadisa, e Román Roo, delegado territorial da compañía en Santiago, amosáronse moi felices de poder apoiar un ano máis esta xira que resulta sempre un auténtico éxito. Pola súa banda, o responsable de Edicións Bolanda, Antonio Couto, recordou que os Bolechas levan máis dunha década realizando espectáculos de Nadal por toda Galicia, polo que son “un referente que moitas familias e moitas nenas e nenos esperan cada ano con grande ilusión”.

O crebanoces

Os Bolechas están a preparar a carta a Papá Noel pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes... Os Bolechas collen un crebanoces na cociña pero tampouco vale: agora trillan os dedos. Entón alguén chama á porta e aparece... un enorme crebanoces de nadal chegado directamente desde Alemaña para axudalos. Mais, ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Os Bolechas chaman ao 112 e a médica descobre que non é humano, é un boneco de corda, pero falta a chave para volver a activalo. Poderán os Bolechas recuperar o seu crebanoces de Nadal?

Datas e lugares

18 de decembro - CONCELLO DE SANTA COMBA
Auditorio do Edificio Multiúsos - 18:00 h


19 de decembro - CONCELLO DE VIMIANZO
Auditorio Municipal - 18:30 h


23 de decembro - CONCELLO DE ABADÍN
Salón de actos da Casa do Concello - 16:30 h


26 de decembro - CONCELLO DE VERÍN
Auditorio Municipal de Verín - 18:00 h


29 de decembro - CONCELLO DE VIANA DO BOLO
Casa da Cultura - 18:00 h


30 de decembro - CONCELLO DE NEGREIRA
Auditorio Centro Socio Cultural - 18:00 h


2 de xaneiro - CONCELLO DE TRAZO
Centro Social Polivalente en Viaño Pequeno - 17:00 h


4 de xaneiro - CONCELLO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
Auditorio Municipal Cine Alvoli - 18:00 h









Arquivos