Case 60 concellos galegos gozarán do Sabichón nos próximos meses

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación oficial do Sabichón, a nova proposta dos Bolechas para o programa de fomento do galego FalaRedes que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.


06 de xuño de 2014



Arredor dun centenar de nenos e nenas do CRA Boqueixón-Vedra asistiron esta mañá a presentación d´O Sabichón e Os Bolechas, a nova proposta de Bolanda Edicións e Marketing que xa prepara unha gran novidade para os próximos días, tal como anunciou o seu responsable, Antonio Couto.

Polo momento o Sabichón percorreu xa máis dunha ducia de vilas galegas e aínda lle quedan varios meses por diante para chegar ás case 60 locaildades polas que pasará esta proposta en forma de miniteatro e concurso no que todo o público participa activamente e que se enmarca no programa FalaRedes.

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, explicou que se trata dunha iniciativa que o seu departamento leva desde hai tres anos, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aos máis de 150 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. “FalaRedes é unha aposta polos artistas que escollen a nosa lingua como vehículo de traballo e pola dinamización social, por estender a promoción do galego máis alá do ámbito estritamente educativo", sinalou.

“Os Bolechas falan a nosa lingua e con ela son quen de facer case calquera cousa […] por iso pensamos que o seu exemplo ha descubrirlles aos nenos e nenas a utilidade do idioma e ha animalos a usalo en todo tipo de situacións”, engadiu Vázquez.

No acto, celebrado no auditorio da Biblioteca de Galicia, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, que puideron ver, xunto cos cativos, unha minirepresentación do Sabichón e coñecer o novo autobús dos Bolechas cheo de actividades e xogos para gozar con todo o Universo Bolechas.

O Sabichón continuará representándose por toda Galicia ata final de verán. Todos os lugares e datas están dispoñibles na páxina web, www.osbolechas.gal/sabichon.









Arquivos