Os Bolechas xa están na televisión asturiana

A serie emitirase todos os sábados e domingos na televisión pública do Principado en asturiano.


15 de setembro de 2014



Este sábado, 13 de setembro, comezou a emisión na TPA (Televisión do Principado de Asturias), dos Bolechas, a serie que xa é todo un referente na programación infantil da Televisión de Galicia, onde vai pola cuarta tempada.

Un éxito que levou a esta popular familia a traspasar fronteiras, como xa se fixo antes en Portugal, para mostrar ás nenas e nenos asturianos as historias que cativaron a toda una xeración de galegos, para o que a editorial responsable dos Bolechas, Bolanda Edicións, prepara xa a próxima edición de libros para distribuír no Principado.

Os Bolechas emitese na televisión pública autonómica en asturiano. Vacaloria Producciones doblou os 24 capítulos desta primeira entrega da serie que se emitirá os sábados e domingos pola mañá.

Divertida e didáctica

Con esta aposta preténdese ofrecer aos máis novos unha oferta de ocio achegada aos seus referentes culturais, posto que esta é unha das máximas dos Bolechas, retratar historias da vida cotiá dun xeito divertido para que os pequenos interioricen certos conceptos e valores universais de forma amena e natural.

Para a TPA a emisión dos Bolechas supón apostar por unha programación infantil de calidade co engadido de facelo na lingua asturiana. A harmonía entre a faceta didáctica e a lúdica converterá pronto a estes irmáns nos mellores amigos das nenas e nenos asturianos.

A familia Bolechas, xunto co seu inseparable can, seguirán a ser os protagonistas das historias que cada fin de semana poderán seguir e gozar os pequenos asturianos, como veñen facendo os galegos na TVG desde hai xa dous anos. 

Web en asturiano

Para coñecer máis sobre a serie en asturiano, hay xa dispoñible unha web, tamén na lingua veciña, con toda a información sobre a nova aposta dos Bolechas. 

Ademais, a páxina conta cun enlace para poder facerse socio do club dos Bolechas e recibir o carné que xa teñen milleiros de galegos, así como información sobre o Universo Bolechas, como as novidades editoriais que moi pronto estarán en todas as librarías da comunidade autónoma. 









Arquivos