Os Bolechas fomentan o acollemento familiar

Os Bolechas aumentan a familia é o novo título da serie infantil creada por Pepe Carreiro. Con este número a Consellería de Traballo e Benestar quere dar a coñecer o acollemento familiar, unha medida que cambia a vida de moitos menores galegos.


12 de maio de 2014



A conselleira de Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe o novo libro dos Bolechas, no que se converten en familia de acollida de dous cativos, Noela e Vintil, e do seu can, Sudoku. Deste xeito quérese dar a coñecer este recurso que ofrece aos menores que o necesitan un fogar e unha familia coas que viviren mentres se solucionan os problemas da súa.

A publicación coincide coa celebración do Día Internacional da Familia o próximo 15 de maio. A Consellería de Traballo e Benestar distribuirá 5.000 libros por centros educativos, bibliotecas e entidades que traballan coa infancia e a familia para darlle “visibilidade a estes recursos e conseguir que sexan cada vez máis coñecidos e recoñecidos”, apuntou a conselleira, ao tempo que lembrou que na Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, impulsada polo Goberno galego en 2011, protéxese e favorécese a permanencia dos menores en situación de desprotección nunha familia, dándoselle prioridade ao acollemento sobre o internamento residencial.

Para xestionar o programa de acollemento en familia allea, a Consellería conta coa colaboración de Cruz Vermella, e para levar a cabo o de familia extensa, coa cooperación de Aldeas Infantiles, dúas entidades ás que Mato agradeceu o seu labor, ao tempo que puxo tamén en valor o compromiso e a xenerosidade das familias galegas.

A conselleira considera “esencial” continuar co labor de difusión deste recurso, de aí a súa colaboración na divulgación deste conto que, como todos os dos Bolechas, mestura unha parte didáctica e outra de humor e lecer, unha combinación que leva triunfando xa 14 anos en Galicia. 









Arquivos