Viveiro será este sábado, 26 de decembro, o punto de partida da Caravana formada polo R4 e o espectacular autobús de dúas plantas con talleres, xogos, cine e actividades de balde para toda a familia.
A familia de irmáns máis coñecida entre os cativos galegos percorrerá este Nadal varias localidades galegas da Rede de Dinamización Lingüística nunha xira apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Televisión de Galicia. A Xira de Nadal 2015 dos Bolechas arrancará este sábado, 26 de decembro en Viveiro e pasará por Narón (día 27), As Pontes (o 29), Foz (2 de xaneiro) e Verín (día 3) para rematar o día 4 de xaneiro en Allariz. En todas as vilas estará de 12.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 h, excepto en Allariz, onde estará de 12:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h. Por suposto, non faltarán Os Bolechas corpóreos, que estarán presentes en todas as localidades a partir das 17:00 horas.
Debido ao éxito do pasado ano, a Caravana de Nadal volve a incluír unha Tenda dos Bolechas onde se poderán adquirir todos os produtos da marca, entre eles os novos libros dos personaxes que levan un peluche de agasallo e que están a ser o gran éxito deste Nadal. Pero tamén estarán os libriños de formato clásicos dos Bolechas, o libro-disco, o curso de inglés, os novos tomos da Biblioteca Básica etc.
Actividades de balde para toda a familia
Ademais, a Caravana inclúe o R4 e o espectacular autobús de dúas plantas, onde os pequenos seguidores desta familia poderán gozar de multitude de actividades totalmente de balde. No primeiro andar do autobús estará instalada a ludoteca con todo tipo de xogos para divertirse e aprender ao máis puro estilo “Bolechas”, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a multitude de información e xogos. A segunda planta conta cunha sala de cine dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas. Ademais realizaranse talleres de debuxo e diversas iniciativas relacionadas coas artes plásticas.
Sorteos entre todos os visitantes
Asemade, todos os que visiten a Caravana dos Bolechas e cubran a tarxeta que se facilita na mesma, entrarán no sorteo de dous regalos, que consistirán en dous cursos de inglés e dous lotes de libros dos Bolechas.
E entre todos os participantes na Xira de Nadal sortearase tamén un gran premio final consistente nun lote de cen libros dos Bolechas. Todos os sorteos realizaranse ao final da xira e serán publicados tanto na web da mesma, osbolechas.gal/xiradenadal como nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter).