Estreamos o ano 2015 na Televisión Pública de Portugal

A popular serie da TVG comezará a emitirse o 1 de xaneiro de 2015 na RTP baixo o título Os Bochechas, pois así son coñecidos Os Bolechas no país veciño, onde xa se editaron varios libros en portugués.


05 de decembro de 2014



A Televisión Pública de Portugal comeza o 1 de xaneiro a emisión dos Bolechas dentro da súa programación infantil. Inicialmente ten preparados 52 capítulos que, ademais de emitirse en todo o país, poderán verse tamén nos países africanos de fala portuguesa a través da canle internacional RTP África. Este paso supón un fito histórico para Os Bolechas, a serie que xa é todo un referente na programación infantil da Televisión de Galicia, onde se emite desde hai dous anos e medio e vai xa pola quinta temporada.

Un éxito que levou a esta popular familia a traspasar fronteiras. Actualmente estase a emitir en oito comunidades autónomas, entre outras nas televisións autonómicas de Estremadura, Castela e León e Castela-A Mancha. A primeira emisión fóra de Galicia foi na veciña comunidade de Asturias, onde a serie logrou cotas de audiencia históricas, o que levou á televisión pública do Principado a programar unha segunda tempada.

O salto a Portugal supón o recoñecemento internacional dunha serie creada en Galicia co obxectivo de ofrecer aos máis novos unha oferta de ocio divertida pero tamén didáctica e próxima a súa contorna cultural, valores que destacaron desde a RTP á hora de elixir Os Bolechas como serie de referencia para a súa programación infantil a partires de 2015.

Web propia e Universo Bolechas

Ademais da serie de televisión e dos libros, Os Bochechas terán a súa propia páxina web en portugués para que as nenas e nenos do país poidan gozar das actividades e xogos que xa teñen os galegos e o resto de comunidades autónomas, así como facerse socios do Club dos Bolechas e recibir o seu carné na casa.

A nova páxina web incluirá material pedagóxico destinado a educadores e pais para que poidan traballar diversos contidos. Ademais terán información sobre todo o relacionado co Universo Bolechas, desde novos títulos ata discos, produtos, espectáculos etc.









Arquivos