A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos presenta unha guía dos Bolechas sobre a doazón

As instalacións do CEIP Quiroga Palacios de Santiago foron o escenario da presentación desta nova publicación dos Bolechas destinada a achegar aos máis pequenos a importancia do solidario xesto da doazón de sangue. 


14 de xuño de 2016



A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos presentou esta mañá, nas instalacións do CEIP Quiroga Palacios de Santiago, a unidade didáctica para estudantes de infantil e primaria titulada Papá Bolechas doa sangue, dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue que a Organización Mundial da Saúde (OMS) institucionalizou o 14 de xuño.

A directora da Axencia, Marisa López García, estivo acompañada polo xornalista galego Emilio Guillín que foi o encargado de dar lectura a unha nova historia da popular familia Bolechas diante dun grupo de alumnos e alumnas de 6º de educación infantil.

A pesares de que a doazón de sangue é un xesto que só é posible realizar a partires dos 18 anos de idade, é fundamental concienciar dende a infancia sobre a súa importancia, polo que dende a Consellería de Sanidade e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue impúlsanse iniciativas coma esta, que permite achegar este xesto solidario tanto ás nenas e nenos galegos como ás súas familias.

Contribución vital e xenerosa

Marisa López García manifestou que a xornada do 14 de xuño permite pór en valor o xeneroso xesto da doazón de sangue que permite que, cada día, miles de doentes poidan solucionar graves problemas de saúde. Neste sentido, amosou o seu convencemento de que o futuro pasa pola concienciación dos nenos e nenas, pero tamén pola implicación de todos os cidadáns nas campañas de doazón de sangue, e animou a doar nestes meses de verán, un período especialmente delicado para a doazón xa que soen incrementarse as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais por mor do aumento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico.

Así mesmo, a directora da Axencia lembrou que Galicia mantense dende o ano 2000 dentro dos índices de doazón que recomenda a OMS, acadando 111.250 doazóns no pasado ano 2015 pero lembrou que o envellecemento sociodemográfico dificulta a incorporación de novos doadores polo que fixo un chamamento apelando á solidariedade dos cidadáns para que, ao menos, unha vez ao ano, acudan a doar sangue.









Arquivos