O creador Pepe Carreiro logrou converter a familia Bolechas na revelación editorial galega deste século XXI. Nacidos xusto no cambio de milenio, os seis irmáns convertéronse moi pronto nos mellores amigos dunha xeración de nenos que aprenderon a ler e a vivir a través das aventuras destes peculiares personaxes.
Os protagonistas da máis nutrida serie da nosa literatura infantil contan xa con “máis de 250 títulos ás súas costas”, como recorda o seu creador. Cada novo lanzamento convértese nun novo éxito grazas a un público fiel que soubo atopar nesta familia numerosa “unha forma propia de entender o mundo”.
A aventura comezou da man do propio Pepe Carreiro, que quería ter unha serie de personaxes fixos para facer “historias divertidas adicadas aos primeiros lectores”. Así naceron Os Bolechas, unha familia de seis irmáns, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá, que xunto ao seu can, Chispa, comezaron a tomar vida nos primeiros contos.
O éxito foi tal que moi pronto foron xurdindo novas coleccións que ampliaban o universo Bolechas integrándoo na realidade galega, como a serie na que os personaxes viven as súas aventuras en diversas cidades e vilas dando a coñecer os seus lugares e costumes máis emblemáticos, ou a que sucede en contornos naturais, “e que conta coa peculiaridade de utilizar fotos reais dos lugares en vez de debuxos”. Deste xeito os pequenos poden comezar a coñecer algúns dos espazos naturais máis destacados da nosa xeografía.
Pero ademais os nenos van descubrindo o mundo a través dos ollos e as experiencias dos Bolechas. Así, aprenden como funciona un parque de bombeiros ou un acuario, van ao circo, ao cine e a parques de atraccións, mercan roupa, fan excusións, visitan o médico, etc. “Todas as aventuras encádranse en vivencias reais de xeito que os pequenos poidan identificalas e aprender a desenvolverse nelas”, destaca Carreiro.
O autor asegura sorprenderse aínda hoxe coa cantidade de pais que acoden ás presentacións de libros “obrigados” polos seus fillos, que mesmo “dormen abrazados aos libros, aínda sen saberen ler”. Iso implica unha responsabilidade maior á hora de afrontar cada nova obra, un esforzo que sempre se ve “recompensado” cando esta chega ás mans dos lectores, asegura o autor.
Agora Os Bolechas están mesmo nas redes sociais para que todos os nenos poidan achegarse aos seus personaxes preferidos e seguir de preto todas as novidades relativas a esta divertida familia.