Aventuras, acrobacias, maxia, música e sorpresas no Circo de Nadal de BrincaBolechas

O  produtor e editor dos Bolechas, Antonio Couto, presentou a xira no Museo Pedagóxico de Galicia xunto aos responsables das entidades patrocinadoras, Política Lingüística, Sogama, Novacaixagalicia, Novagalicia Banco e a CRTVG.




Os seis irmáns Bolechas e o seu can, Chispa, estarán de xira este Nadal acompañados por un elenco de preto de 40 persoas entre persoal artístico, técnico e loxístico, como destacou na presentación oficial da xira o produtor e editor dos Bolechas, Antonio Couto, quen destacou a profesionalidade da compañía que levará adiante o espectáculo, Pistacatro, así como os responsables de dar vida aos Bolechas, Xarume.

Antonio Couto desvelou algúns detalles da xira, “unha mestura de aventuras, o marabilloso mundo do circo, a maxia da música e moitas sorpresas”, un espectáculo “concibido para divertir e para que os nenos sexan protagonistas e copartícipes”. Tamén recordou que nestes tempos “con pouco espacio para a lírica, é unha loucura embarcarse nesta singradura se non fora polo apoio dos patrocinadores, Sogama e Novacaixagalicia, e dos colaboradores, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e Novagalicia Banco”.

Xustamente a directora de Marketing e Negocios de Novagalicia, Mari Paz Comesaña, resaltou a colaboración da entidade e anunciou a instalación en todos os  espectáculos dunha cámara que permitirá facerse retratos virtuais cos Bolechas “e levar un bonito recordo do evento”. Comesaña asegurou que Novagalicia Banco comparte moitos puntos en común cos Bolechas, como “o compromiso absoluto coa terra, coa cultura e coas tradicións, a vocación didáctica e educativa e o compromiso cos nenos e nenas de Galicia”.

Neste aspecto incidiu tamén Ana Salgado, delegada de Novacaixagalicia en Santiago, quen asegurou que a atención á infancia “é unha prioridade para a entidade desde a súa creación” e recordou que en Santiago este apoio se materializou na biblioteca Rúa Nova 33 na que sempre tiveron un lugar destacado as publicacións dos Bolechas”.

Pola súa banda Rosa Vilas, directora xerente da TVG, destacou o éxito da serie infantil estreada en setembro e que se converteu xa “nun referente da grella da Televisión de Galicia, que non podía permanecer allea a esta nova iniciativa galega, feita por galegos e, sobre todo, na nosa lingua”.

O idioma tamén é un dos elementos máis significativos para o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen subliñou o feito de que se trate “do primeiro circo-espectáculo destas características feito integramente en galego”. García destacou a importancia dos Bolechas “unha familia de simpáticos personaxes animados, creados por Pepe Carreiro, que achegaron a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, a todos os fogares galegos con crianzas”,

Oito espectáculos entre o 26 de decembro e o 7 de xaneiro

Ademais do Circo de Nadal, BrincaBolechas inclúe todo o “universo Bolechas” coa instalación de varios stands con diverso material, como o orixinal e divertido photocall virtual, obradoiros etc.

Todo isto chegará a oito vilas e cidades de Galicia ao longo do Nadal. A primeira cita será no Auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo o mércores 26 de decembro. O xoves 27 estarán no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, o venres 28 no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago, o sábado 29 no Centro Cultural Novacaixagalicia de Pontevedra, o 2 de xaneiro no Auditorio Municipal de Ourense, o 3 no Auditorio Municipal de Lalín, o 4 no Teatro Jofre de Ferrol e o luns, 7 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 horas.

As entradas, que teñen un custo de 5 euros para nenos e 7 para adultos, xa están á venda en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500.









Arquivos