Os Bolechas un barrio multiecolóxico en Lugo

A nova guía dos Bolechas que se presentou esta mañá no Concello de Lugo trata de concienciar ás nenas e nenos sobre o uso dos recursos naturais na loita contra o cambio climático. Os Bolechas repartirán o libro polas rúas de Lugo o 4 de xaneiro.


28 de decembro de 2018



Neste novo título os Bolechas ensinan a construción do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España, impulsado polo goberno local a través do proxecto europeo Life Lugo + Biodinámico. A alcaldesa presentou o libro do autor e debuxante Pepe Carreiro, que se enmarca nas accións deste programa europeo encamiñadas a concienciar a cativada sobre o cambio climático.

Visita dos Bolechas o próximo 4 de xaneiro

Os Bolechas repartirán o conto o vindeiro venres, 4 de xaneiro, durante un pasacales polo casco histórico que dará comezo ás 18:00 horas e percorrerá diversas rúas entre a praza de San Marcos e O Vello Cárcere, onde se celebrará a festa final.

Os Bolechas un barrio multiecolóxico en Lugo

Na obra, son os propios irmáns Bolechas os que constrúen un barrio ecolóxico e sostible, utilizando recursos naturais de Galicia como a madeira. Ademais do Concello, colaboran a Deputación de Lugo e as Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid, que son as institucións e administracións colaboradoras do Life. Lara Méndez agradeceu a Pepe Carreiro a súa implicación con este proxecto “que permitirá que os nenos e nenas coñezan máis de cerca e dun xeito divertido como deben ser as vivendas e as contornas urbanas para convertelas en máis ecolóxicas e sostibles”.

O goberno local quere que a rapazada teña un papel activo no modelo de cidade que se está a planificar, de aí a importancia do exemplo dos Bolechas á hora de crear un barrio multiecolóxico que terá a súa plasmación real no barrio que impulsa o Life, que se situará na Garaballa e que será o primeiro de España destas características. Nel aplicaranse solucións que van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes. O primeiro edificio, que se chamará Impulso Verde será de usos municipais. 









Arquivos