‘O libro fala’ introduce as novas tecnoloxías na Biblioteca Básica Os Bolechas

Tras a incorporación dos pictogramas de fácil lectura, a tecnoloxía O libro fala permite complementar a experiencia lectora dos máis pequenos mediante recursos pedagóxicos de gran interese para fomentar a atención e a comprensión.  




A Biblioteca Básica Os Bolechas incorpora as novas tecnoloxías a través dun recurso de gran valor: O libro fala, unha novidade que permite acompañar a lectura con recursos sonoros didácticos a través de códigos QR que son lidos por dispositivos móbiles (tablets ou teléfonos móbiles) ou desde un ordenador.

Este recurso didáctico contribúe á comprensión das mensaxes e aporta valor engadido á experiencia lectora, ademais de facer os adultos “cómplices” da actividade lectora dos nenos e nenas.

Para acceder ao banco de sons dos libros hai dúas opcións. Pode facerse desde un ordenador, na sección “O libro fala” desta web. Só hai que escribir no recadro correspondente o código que aparece ao principio de cada libro e accédese directamente a todo o catálogo de sons dese título.

Pero tamén se pode facer desde un dispositivo móbil (tablet ou teléfono) a través dos códigos QR que aparecen nas páxinas dos libros. Para isto, hai que ter un lector de códigos QR e acceso a internet. Tan só hai que situar a cámara do dispositivo sobre o código e oír o son correspondente a esa imaxe.

Así, no caso dos libros sobre animais, os lectores poderán escoitar os sons que emite unha vaca, un galo ou mesmo unha víbora. E tamén se pode oír o corazón dun feto na barriga da nai en Como nacemos ou a mensaxe dun semáforo dando paso aos peóns en A rúa. Deste xeito a lectura farase moito máis divertida e a aprendizaxe converterase nun xogo, unha forma fácil e apaixonante de descubrir o mundo.

Pictogramas de fácil lectura 

E xunto con esta nova tecnoloxía, a Biblioteca Básica Os Bolechas incorpora outro recurso xa utilizado no título publicado recentemente, O reloxo de Carlos. Trátase dos pictogramas de fácil lectura, outro instrumento pedagóxico de gran valor xa que permite achegarse á lectura a colectivos con máis dificultades, pola súa idade ou mesmo por problemas físicos ou intelectuais.

Os pictogramas de fácil lectura resumen a información que se recibe, melloran a atención e a motivación e axudan tamén á comprensión lectora a través dunha composición moi simple de imaxes situadas a pé de páxina nun recadro de cor amarela, verde ou azul, segundo a función gramatical do texto que se transmite –nomes, verbos ou adxectivos e adverbios, respectivamente–.

Con estes dous recursos, os pictogramas e O libro fala, os 12 tomos da Biblioteca Básica Os Bolechas convértense nunha excelente colección para iniciarse nunha lectura que, ademais de divertida, ofrece un alto compoñente didáctico e pedagóxico, permitindo aos pequenos achegarse ao mundo que os rodea de forma fácil e amena.

Máis información e venda da Biblioteca Básica Os Bolechas en www.osbolechas.gal/biblioteca

 









Arquivos