Os Bolechas rematan en Vigo o seu percorrido pola provincia xogando coa riqueza da lingua galega

A mostra interactiva sobre as variedades dialectais permanecerá na praza do Rei ata o 16 de decembro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar. 


10 de decembro de 2018



Ata o 16 de decembro permanecerá en Vigo a mostra "Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego" que dá a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, a carpa abriu oficialmente as súas portas este mércores, 5 de decembro, coa presenza das irmás e irmáns Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Vigo para darlle a benvida e saudar á rapazada e ás familias que se achegaron ata a praza do Rei. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o deputado de Cooperación, Carlos López Font, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e Tomás Valín da Editorial Bolanda.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo especial incidencia en que esta mostra "iniciou o percorrido en Pontevedra e remata en Vigo, que son as dúas grandes cidades da provincia e onde a súa presenza se fai máis necesaria, atendendo aos datos oficiais que indican que a perda de falantes en galego entre a rapazada é máis acusada nas contornas urbanas". Hai que lembrar que esta exposición comezara a camiñar en maio, na semana das Letras Galegas, na cidade de Pontevedra, e continuou o seu percorrido por Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas de Reis, Tomiño, Ponteareas, para rematar con esta última parada en Vigo.

Polas mañás a mostra pode visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –xa hai reservas de centros educativos de Vigo, O Porriño, Nigrán e Redondela– e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa Porta das palabras, onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o Faladoiro, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais.

Continúa cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.









Arquivos