Presentamos o novo material didáctico do Parlamento de Galicia destinado a escolares de infantil e primaria

Esta mañá acompañamos o presidente do Parlamento de Galicia na presentación do material didáctico da Cámara destinado a educación infantil e primaria. Preto de 400 escolares das catro provincias galegas acompañáronos no acto e na visita guiada polas fermosas instalacións do Pazo do Hórreo. 


17 de marzo de 2017



Na infancia e na mocidade reside o futuro, por iso o Parlamento de Galicia está a centrar nesas etapas boa parte dos seus esforzos de divulgación. Baixo a máxima de “non se pode querer o que non se coñece”, a institución quere achegarse “ao maior número posible de nenos e nenas e de mozos e mozas” e nese esforzo enmárcase esta nova iniciativa que hoxe presentou o presidente da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira.

“Entrastes pola porta que só se abre cando veñen personalidades importantes”, díxolle o presidente da Cámara á rapazada tras recoñecer que hoxe "é un día de ledicia para todos". Miguel Santalices quixo aproveitar o acto para recoñecer e agradecer "o labor dos mestres e mestras" e animou a cativada a estudar, e tamén a facer unha vida sa e practicar deporte.

A continuación os Bolechas e os 400 escolares das catro provincias galegas que participaron na presentación fixeron unhas visitas guiadas, durante as que recibiron explicacións sobre o funcionamento do Lexislativo autonómico.

“Os Bolechas van ao Parlamento”

A nova proposta dos Bolechas inclúe un vídeo e unha guía didáctica con información básica relacionada co Parlamento de Galicia “especialmente dirixida ao profesorado, aínda que tamén é moi útil para traballar na contorna familiar”. O vídeo é, en palabras de Miguel Santalices, “un capítulo da serie Os Bolechas, ambientado no Parlamento de Galicia , co que tratamos de espertar o interese dos máis novos en relación cos valores democráticos e o papel central do Lexislativo no sistema institucional da Comunidade Autónoma”.

Ambos os dous materiais preséntanse nun soporte dixital que será enviado a todos os centros educativos de Galicia, aínda que o material está dispoñible tamén na web do Parlamento de Galicia, “xunto cos outros contidos interactivos (xogos, debuxos…) deseñados para familiarizar os nenos e as nenas coa institución”, explica o presidente, quen confía en que o Parlamento de Galicia “estará a partir de agora moito máis preto de todas e todos os galegos”.









Arquivos