“É bo que os nenos aprendan a escoitar música”

Cantante e compositora de música urbana, AID é unha das rapeiras máis recoñecidas do panorama nacional. O seu tema para Os Bolechas, Iso é o que é, pretende achegar aos máis pequenos aos novos estilos musicais. 


15 de xaneiro de 2014



A pesares de ser moi nova hai xa moito tempo que se fixo un oco no difícil mundo da música. En 2008 convertiase na primeira rapeira en gañar a IV edición do Festival Heineken Greenspace en Valencia. O ano seguinte publicaba con grande éxito o seu primeiro disco, Jugando, e era elixida artista do mes polo concurso Ones To Watch de Myspace. En 2012 sacaba Rapoemas, un libro-disco que versiona a ritmo de rap e música urbana clásicos da literatura galega como Rosalía, Curros Enríquez ou Cunqueiro, e o pasado mes de maio saía o seu último traballo, Hacer lo que quiero

Contas xa cunha variada traxectoria musical. Como recibiches a proposta dos Bolechas?

Gustoume moitísimo a idea, tanto o feito de ir dirixido a nenos como que sexa en galego. Cando mo comentou Carlos sorprendeume moito, recordoume ao Xabarín e dixen que si.

Como se xestou o tema?

Falei cun dos bigmaker cos que traballo habitualmente e presentoume varias mostras. Elixín unha e empecei a traballar na mistura e na letra ata dar co son final.

Que che parece a selección de artistas e temas do disco?

Ben, é moi variado e iso é bo para un traballo destas características. E de calidade, que é o importante.

Que proxectos tes para este ano?

En principio rematar a carreira [estuda Enxeñería de Telecomunicacións]. O ano pasado estiven moi centrada no disco e na promoción e agora quero centrarme máis nos estudos para rematar. Pero seguirei facendo cousas na música, por suposto.

Como está a industria musical en Galicia nestes momentos?

Non está tan mal como parece. Os máis novos van a concertos e aprenden a escoitar e a consumir música, e iso é moi bo. Hai grandes grupos e estanse facendo cousas moi interesantes, pero ás veces parece que cando hai que reducir cartos dalgún sitio sempre lles toca aos mesmos, aos artistas. Habería que cambiar a mentalidade de certa xente neste sentido... 









Arquivos