Arela: 15 anos traballando pola infancia e a mocidade galegas

Unha porcentaxe das vendas do disco dos Bolechas vai destinada a ARELA, unha organización que leva 15 anos traballando pola infancia e a mocidade en Galicia. O modesto xesto quere recoñecer o extraordinario labor desta asociación que dirixe Nacho Pérez Figueroa.


17 de xaneiro de 2014



Cal é o ámbito de actuación de Arela?  

Arela traballa con nenos, nenas e adolescentes que viven situacións de desprotección familiar (abandono, maltrato...) ou en conflito social, é dicir que cometeron algún delicto sendo menores de idade. Tamén traballamos coas súas familias para modificar as cuestións que están na orixe do problema. Para elo contamos cunha rede de 10 centros para a atención de menores en toda Galicia (Vigo, Pontevedra, Santiago, Allariz, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos). O obxectivo fundamental é que os atendidos nestes centros poidan reintegrarse de novo na súa familia de xeito normalizado e con garantías, e cando isto non sexa posible procurarlles unha nova familia de acollida ou adopción.

Ademais traballamos para evitar a reincidencia dos que cometeron algún delito e temos en marcha programas de sensibilización e prevención dirixidos á sociedade en xeral, como o KTORCE18 para a prevención de condutas infractoras, ARELA SOLIDARIA ou a celebración anual do Día dos dereitos dos nenos e as nenas.

Levades anos traballando no ámbito galego. Empeorou a situación neste tempo ou está mellor malia a crise?

Levamos 15 anos pero é difícil valorar se mellorou ou empeorou a situación. O que si temos constatado é que cambiaron moito as situacións coas que traballamos. Nos primeiros anos atendiamos nenos, nenas e adolescentes de ambientes familiares con poucos recursos económicos e que tiñan poucas habilidades sociais e educativas para ofrecerlles aos fillos e fillas. Pero nos últimos anos aumentou considerablemente o número de persoas que chegan aos nosos centros por dificultades de comportamento; maltrato no ámbito doméstico dos fillos/as aos pais e nais, ou con serias problemáticas no eido psicolóxico e psiquiátrico. Por iso a nosa intervención ten que ir adaptándose a estas novas realidades.

Que supón para vós a colaboración de empresas ou entidades, aínda que sexa modesta, como o caso do disco dos Bolechas?

 

A colaboración é moi positiva. Por unha parte, porque todos os recursos económicos son necesarios neste momento de crise económica e de aumento das necesidades sociais e, por outra, porque é unha oportunidade de dar a coñecer o traballo que fai ARELA en Galicia. Queremos dar a coñecer á sociedade o que facemos, como o facemos e onde o facemos. Pensamos que a comunicación é unha ferramenta esencial para sensibilizar e para conseguir apoios para o noso proxecto. Por iso valoramos positivamente esta colaboración cos Bolechas

Cales son agora mesmo as principais necesidades da asociación?

Na actualidade son moitas; entre as máis urxentes e concretas están mellorar o equipamento dos centros nos que traballamos: equipamento informático e mobiliario, pequenas reformas... e tamén aumentar o persoal que traballa na entidade para dar resposta ás novas necesidades detectadas.

Para máis información sobre ARELA:









Arquivos