Campaña dos Bolechas en favor dos animais domésticos

Un libro e un web dos Bolechas axudarán á Consellería de Medio Ambiente a incidir na necesidade do coidado e o respecto das mascotas, especialmente no verán, cando se producen máis abandonos e extravíos.


17 de xuño de 2015



Unha nova guía dos Bolechas, Sultán non ten microchip, e un web específico servirán para explicarlle aos máis novos como e por que debemos identificar o noso can co microchip –obrigatorio desde o ano 2002–, ademais de incidir na necesidade de coidar e respectar os animais.

A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, presentouse esta mañá no CEIP de Maceda, ata onde se achegou a conselleira Ethel Vázquez a repartir algún dos sete mil exemplares editados do conto e a coñecer Os Bolechas, que compartiron a mañá coas nenas e nenos do concello ourensán.

A responsable de Medio Ambiente salientou que se trata dunha mensaxe que se quere transmitir aos máis cativos, sobre todo porque está a piques de iniciarse a tempada estival, un período no que se rexistra un maior número de extravíos e abandono de mascotas. E a mellor forma de facelo, dixo, é dun xeito divertido, a través de personaxes moi próximos aos máis pequenos como son Os Bolechas.

A iniciativa enmárcase nas campañas e actividades de divulgación postas en marcha desde a Consellería de Medio Ambiente para afianzar os valores de respecto polos animais nas xeracións futuras, concienciando aos máis novos sobre a necesidade dunha tenza responsable que evite casos de abandono ou maltrato animal.

Web específico para traballar contidos

Ademais do conto Sultán non ten microchip, a campaña inclúe unha páxina web específica, www.osbolechas.gal/sultan, na que as nenas e nenos poderán coñecer máis sobre este tema a través de diversos xogos –quebracabezas e sopas de letras con diferentes graos de dificultade, xogos de preguntas e respostas etc.–, así como outras actividades que teñen os Bolechas como protagonistas: a posibilidade de facer un carné personalizado, descarga de pósters etc.

No web tamén se pode ler online ou descargar o conto e acceder a unha unidade didáctica de grande axuda para que pais/nais e educadores poidan traballar esta cuestión cos máis pequenos. Trátase de que achegar a toda a sociedade, a través dos máis novos, a necesidade de identificar os cans co microchip e como ha de facerse para garantir a máxima seguridade e protección para os nosos animais.









Arquivos