O Concello de Laza vén de editar un libro dos Bolechas para dar a coñecer o municipio. Por suposto, non falta o coñecidísimo entroido local, pero tampouco moitas outras marabillas destas terras.
O Concello de Laza vén de promocionar as moitas excelencias deste municipio a través dun libro para os máis novos. Baixo o título Os Bolechas van a Laza, o novo título da colección “Guías” dos Bolechas dá a coñecer a riqueza paisaxística, cultural, gastronómica e histórica deste concello ourensán.
Os Bolechas chegan a Laza facendo o Camiño de Santiago co avó Marcelo. Na vila quedaron co seu amigo Lucas, un lazano que os convida a gozar do entroido local. A tía de Lucas convídaos a comer bica branca, un doce típico da zona, mentres o tío Avelino se viste de peliqueiro para ensinarlles como é o traxe e explicarlles toda a tradición do entroido local, un dos máis antigos do mundo.
Os Bolechas aprenderán en Laza a seren auténticos peliqueiros e prepararanse para outra das festas grandes da vila: a de Mouros e Cristiáns, que se celebra en xullo.
Con este libro o Concello de Laza quere achegar as tradicións locais dun xeito fácil e ameno aos máis novos para que coñezan o gran patrimonio cultural do seu municipio da man dos personaxes que tan ben coñecen as nenas e nenos lazanos.