Este Nadal pide o agasallo máis incríbel do mundo

Os Bolechas veñen de pór en marcha un sorprendente concurso a través de Facebook, baixo o título “O agasallo máis incríbel do mundo!”. 


19 de decembro de 2014



A proposta da popular familia fará que unha nena ou neno galego sexa este Nadal o máis afortunado do mundo, xa que poderá pedirlles aos Bolechas todos os libros que queira para el, para os seus amigos e familiares e para a institución benéfica que elixa!

Para conseguilo só hai que contar na aplicación do concurso –á que se pode acceder a través de Facebook ou da web dos Bolechas, osbolechas.gal– cal foi o regalo máis incríbel recibido. Entre as cinco anécdotas máis votadas sortearase o ganador, que recibirá o fantástico agasallo. Pero os outros catro finalistas tamén terán premio: levarán un exemplar do libro-disco Os Bolechas fan unha banda.

Hai unhas limitacións nas cantidades que se poden pedir que están marcadas nas bases, pero a cifra supera os 200 exemplares, que a propia editorial levará ao domicilio do gañador, sempre que estea na comunidade autónoma de Galicia. Despois a nena ou neno afortunado repartirá parte deses exemplares con quen decida e tamén cunha institución benéfica da súa zona, de xeito que o agasallo teña tamén un compoñente solidario que Os Bolechas fomentan sempre por estas datas e que mesmo levaron á súa Caravana de Nadal, que empezará este martes, 23 de decembro en Arteixo e que percorrerá nos próximos días Baiona, Porto do Son e Vilalba.

A Caravana de Nadal incluirá unha carpa na que se poderán adquirir diversos produtos dos Bolechas, como os novos libros en formato tradicional que chegaron estes días ás librarias galegas, discos ou unha colección de pulseiras exclusivas cuxos beneficios irán destinados a Arela. 

Un Nadal solidario para que nestas datas todas e todos poidan gozar dos Bolechas. 









Arquivos