Carnota tamén traballa pola igualdade e contra a violencia de xénero
O departamento de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Carnota repartiu unha guía dos Bolechas contra as violencias e pola igualdade de xénero nos centros de ensino do municipio. O venres 27 de novembro presentaron a publicación no auditorio.
A edición da guía As nenas e os nenos de Carnota pola igualdade e contra a violencia de xénero enmárcase na programación con motivo do 25-N destinada a fomentar a igualdade dende as idades máis temperás. Nesta historia Os Bolechas, xunto a varias nenas e nenos de Carnota, aprenden sobre a igualdade a través dunha viaxe polo municipio.
Os escolares de Carnota recibiron durante os últimos días un exemplar do libro protagonizado por Martiño de Lariño, María de Lira, Comba de Carnota, Mamede de San Mamede e Clemente do Pindo. Todos aproveitan unha viaxe polo municipio para lanzar mensaxes en contra da violencia de xénero e dar a coñecer algúns dos lugares emblemáticos do concello, como o faro de Lariño, o hórreo de Lira, a Caseta do Sal ou o monte Pindo.
A guía dos Bolechas, da que se editaron máis de mil exemplares, estará dispoñible no departamento de Srrvizos Sociais do Concello de Carnota.