O Concello de Vilagarcía regalará un libro do entroido local a quen participe no Certame Virtual de Máscaras

O Concello de Vilagarcía de Arousa recibiu xa os mil exemplares do último libro dos Bolechas dedicado ao entroido local que recibirán como agasallo as nenas e nenos que participen no Certame Virtual de Máscaras.


10 de febreiro de 2021



Co fin de manter o tradicional carnaval, “incluso en tempos de pandemia”, a Concellería de Cultura de Vilagarcía organizou este ano un Certame Virtual de Máscaras destinado ás familias que teñan rapazada de 3 a 12 anos. O certame xoga co dobre sentido da palabra máscara en galego, que se refire tanto á típica careta de entroido, como ás máscaras sanitarias que se usan para evitar contaxios. Por iso, os traballos a realizar polos participantes poderán abordar calquera destas dúas modalidades.

O formato é totalmente libre, igual que os materiais a utilizar, co obxectivo de fomentar a creatividade e orixinalidade dos traballos. Unha vez se teñan confeccionadas as máscaras, deberán sacarlle unha foto e remitila, xunto coa solicitude de inscrición debidamente cuberta, ao correo info.cultura@vilagarcia.gal. O formulario de inscrición pode obterse a través do taboleiro de anuncios de www.vilagarcia.gal e da sede.vilagarcia.gal.

O Entroido en Vilagarcía de Arousa
Os participantes poderán pasar polo Auditorio a recoller o seu libro dos Bolechas entre o 18 de febreiro e o 30 de abril en horario de atención ao público, un prazo amplo para garantir que ninguén quede sen o seu agasallo e sen que se produzan aglomeracións.

No libro, ademais de contar a historia do entroido e coñecer algunhas das máscaras máis representativas de Galicia, fálase de como se celebra en Vilagarcía, onde habitualmente se fai un certame no Auditorio, un baile na praza da Peixaría, un desfile polas rúas e, como non, o enterro da sardiña, de gran tradición en Vilaxoán e en Carril. Todo iso non poderá facerse este ano tal e como era costume, pero non por iso se deixará de celebrar o entroido vilagarcián.

Os Bolechas xa están preparando as súas máscaras!









Arquivos