Os Bolechas e a TVG presentan o primeiro curso de inglés-galego

Os Bolechas dan un paso máis na súa aposta por ofrecer novos contidos dirixidos ao público infantil nun formato que reúne diversión e aprendizaxe. Os irmáns lánzanse a aprender inglés e, grazas á TVG, os seus milleiros de fans poderán seguir as clases paso a paso e achegarse con eles á nova lingua.


09 de xuño de 2014



Os Bolechas. One 2 three transcorre na clase de inglés dos Bolechas, de xeito que os nenos e nenas poderán seguir as leccións xunto cos irmáns e ir avanzando con eles na aprendizaxe.

O novo personaxe que se incorpora á serie é o profesor de inglés dos Bolechas, Michael, interpretado por Miguel Guido, inglés nativo asentado en Galicia, licenciado en Filoloxía e actor cunha longa traxectoria en teatro e televisión que vai resultar unha auténtica revelación para os pequenos, especialmente na parte musical dos capítulos, posto que todos inclúen unha canción relacionada co tema desenvolvido en cada un deles que porá a bailar e a cantar en inglés a todo o mundo.

Da lingua de Rosalía á de Shakespeare co aval da USC

Bolanda, edicións e marketing, creadora de todo o proxecto, destaca a capacidade prescritora dos Bolechas, capaces de chegar aos nenos e nenas galegos como poucos personaxes teñen conseguido, de aí a importancia de afondar en contidos de interese para a formación integral das nenas e nenos galegos. Neste caso, destaca o feito de que se trate dun curso “que vai do idioma de Rosalía ao de Shakespeare sen pasar polo de Cervantes”, sinala a editora, que destaca tamén que o feito de que esté “avalado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Continuidade en librarías e en internet

Esta nova serie da TVG terá continuidade máis adiante cun completo curso de inglés que se poderá adquirir en librarías e quioscos e que ademais dos capítulos de televisión incluirá un manual didáctico para achegarse ao inglés por vez primeira e uns cadernos cos que os cativos poderán gozar dos seus personaxes favoritos ao tempo que asimilan a nova lingua. E para completar o proxecto, haberá unha web específica na que se poderá seguir e completar todo o curso de inglés dos Bolechas.

Trátase, en definitiva, de lograr “unha aprendizaxe natural do idioma, similar á que se fai coa lingua materna da man duns personaxes, Os Bolechas, que xa xogaron un papel determinante na aprendizaxe do galego como primeira lingua”, tanto nos contos como nos espectáculos e na serie de televisión que empezou a emitirse en 2012 e que vai xa pola súa cuarta tempada debido ao éxito logrado. A todo isto únese agora este novo Curso de inglés dos Bolechas.









Arquivos