Presentamos novo libro e a nova serie de televisión das Letras Galegas

A Real Academia Galega acolleu hoxe a presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano. Pero ademais do libro, o acto serviu para presentar un novo proxecto audiovisual dos Bolechas baseado na colección das Letras Galegas.


02 de maio de 2018



A nova serie de monicreques ten un formato similar á que vén emitindo a Televisión de Galicia desde hai xa seis anos con grande éxito, pero centrada nas autoras e autores aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas, que se conmemora cada 17 de maio. Este ano a protagonista é María Victoria Moreno, polo que ela foi a elixida para a estrea da serie na sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas.

As afortunadas e afortunados que puideron ver en primicia o primeiro capítulo foron os escolares do CEIP Cidade Vella da Coruña que participaron no evento, ademais dos propios Bolechas, que acompañaron a cativada durante todo o acto na institución, na que foron recibidos polo seu presidente, Víctor F. Freixanes. “A iniciativa dos Bolechas non é nova”, comentou o presidente. “Cadra moi ben co espírito da autora a quen este ano a RAG dedica o Día das Letras: unha escritora, editora e mestra preocupada por fornecer de material os rapaces e rapazas máis novos, que empezan a descubrir a lectura e a lingua como unha festa, na que podemos participar todos e todas”, expresou.

Na presentación participaron tamén responsables de dúas das institucións que colaboran no proxecto das Letras Galegas dos Bolechas: José Manuel López Marcos, director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega, quen asegurou que é unha honra para a súa entidade poder apoiar proxectos como este dentro, e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que animou os escolares presentes a falar galego seguindo o exemplo de María Victoria Moreno e dos Bolechas. Pola súa banda Antonio Couto, de Edicións Bolanda, lembrou que este novo libro é xa “o noveno título da colección Letras Galegas, tras Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ánxel Fole, Rosalía de Castro, Manuel María e Carlos Casares”. Tamén subliñou a importancia do novo proxecto audiovisual “para achegarlles as figuras senlleiras da nosa literatura ás nenas e aos nenos a través dun medio amigo para eles como é a televisión”.

Neste sentido, o director de proxección social da TVG, Xaime Arias, informou de que os sete capítulos da nova serie dos Bolechas se emitirá “na semana das Letras Galegas no Xabarín Club” e que despois estarán dispoñibles na rede para que as nenas e nenos poidan velos cando queiran “e interactuar con eles”. Deste xeito, dáselles unha nova vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros e amplifícase a difusión desta relevante colección e, por tanto, dos autores e autoras protagonistas da mesma. 

Coñecer a María Victoria Moreno

No caso de María Victoria Moreno, tanto o libro como o audiovisual baséanse no primeiro libro que publicou a autora, Mar adiante (1973). A historia fala dunha escola barco e, como é habitual nesta colección, a aventura dos Bolechas enriquécese con textos da obra orixinal, de xeito que a cativada se achegue á linguaxe e ao estilo da autora, da que tamén se ofrece unha pequena biografía. Ao final inclúese tamén un minidicionario con algúns termos para facilitar a comprensión do texto e completar a experiencia lectora da nena ou neno.

Deste xeito, a boa acollida dos Bolechas é aproveitada para introducir grandes autores e obras da nosa literatura na infancia dun xeito divertido e disociado da escola e da aprendizaxe regrada, o que lle dá un valor engadido a todo este proxecto das Letras Galegas dos Bolechas.









Arquivos