Os Bolechas sairán este luns nas cabalgatas dos Reis Magos da Coruña, Ourense e Vigo. Igual que os propios Reis, Os Bolechas multiplicaranse para estaren ao completo nas tres citas e saudar ás nenas e nenos galegos neste día tan especial.
Os Bolechas volverán acompañar, como xa fixeran o ano pasado, ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente nalgunhas das cabalgatas reais que percorrerán Galicia este luns, 5 de xaneiro. Nesta ocasión os seis irmáns e o seu can, Chispa, estarán nos desfiles que terán lugar na Coruña, en Ourense e en Vigo.
Na Coruña Os Bolechas da tele –os muppets– irán no autobús da Televisión de Galicia xunto con outros dos protagonistas da canle autonómica. As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ás 17.30 h en coches de época ao campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, onde serán recibidos por 90 paxes reais e diversos artistas e charangas. Ás 18.00 h partirán polas rúas da cidade para saudar a todas as nenas e nenos.
En Ourense todos os Bolechas corpóreos e o seu R4 sairán antes da cabalgata real para iren animando a cidade. Farano ás 17.00 h desde a Estación Empalme e percorrerán as rúas Avenida das Caldas, Ponte Romana, Progreso e Dr. Marañón ata a Praza Maior, poñendo música e cor ao día máis máxico do ano.
E en Vigo tamén estarán os seis irmáns e Chispa, en forma de bonecos corpóreos. Sairán no espectacular autobús de dous pisos dos Bolechas que irá precedido do novo coche de bombeiros conducido por Tatá e no que irá tamén Chispa, un dos personaxes favoritos das nenas e nenos galegos. Toda a caravana Bolechas formará parte da cabalgata que sairá ás 18.00 horas do nó de Isaac Peral e irá por García Barbón e Policarpo Sanz ata alcanzar a Porta do Sol. Dende alí pasarán por Elduayen para rematar no Paseo de Alfonso, onde rematará o percorrido sobre as 20.00 horas.