Novagalicia Banco ofrece agasallos dos Bolechas para os máis pequenos da casa

A entidade únese así á promoción dos populares personaxes infantís que esta semana comezaron a súa emisión na Televisión de Galicia.

Para coñecer máis sobre a promoción os interesados poden achegarse a calquera das oficinas de Novagalicia Banco.




Novagalicia Banco inicia unha nova promoción destinada aos máis pequenos da casa e protagonizada polos seus personaxes preferidos, Os Bolechas. Os populares personaxes, convertidos xa en todo un fenómeno editorial, deron o salto esta semana á televisión con gran expectación por parte dos seus milleiros de seguidores.

Novagalicia Banco apela á súa “galeguidade” e ao seu “total compromiso con Galicia” para unirse a este fenómeno cultural galego e iniciar unha campaña de promoción que permitirá aos máis pequenos da casa facerse con diversos productos especialmente pensados para eles. Os interesados poden achegarse a calquera oficina de Novagalicia Banco, onde serán informados dos requisitos necesarios para facerse con esta promoción.

Mochila e colección de vasos

Entre os produtos que a entidade bancaria ofrece aos seus clientes está unha mochila destinada aos cativos que estes días inician o curso escolar. De pequenas dimensións, está especialmente deseñada para adaptarse ergonómicamente aos escolares de infantil e primaria e cumpre coa normativa vixente, polo que ofrece total seguridade. Pero o que máis gustará aos pequenos é o seu deseño, en tonos vermellos e azuis e con gran protagonismo de Chispa, un dos personaxes máis queridos polos seguidores dos Bolechas.

Ademais da mochila, Novagalicia Banco ofrece nesta nova promoción unha colección de vasos de edición limitada. En total son sete vasos presentados no seu estoxo correspondente. Cada un está adicado a un dos seis irmáns Bolechas (Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli e Tatá) e o sétimo ao seu cadelo, Chispa. Cada un conta cun deseño exclusivo e cor interior diferenciada.

Elaborados con polipropileno, son totalmente aptos para o contacto con produtos alimentarios e cumpren todas as normativas e directivas europeas relativas á seguridade alimentaria e en materia plástica. Están supervisados e certificados por AIMPLAS (Instituto Tecnológico del Plástico), e son aptos para lavalouzas e microondas.

Os Bolechas na tele

O pasado luns, 24 de setembro, comezou na Televisión de Galicia a emisión das aventuras dos Bolechas dentro do programa Xabarín Club. Todos os días, de luns a xoves, pódese ver pola mañá e a media tarde –así como os sábados pola mañá– a serie especialmente concibida polo creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, para televisión. A promoción de Novagalicia Banco únese así a esta importante aposta pola creación galega e en galego que supón o salto dos Bolechas á tele.

Ademais dos capítulos dos Bolechas, os personaxes infantís acoden ás pantallas da canle pública galega cada día para recordarlles aos pequenos que hai que lavar os dentes ou que é hora de ir durmir. Deste xeito mantense o labor educativo e de desenvolvemento infantil que sempre acompañou á colección.

Este salto á televisión, así como o apoio explícito da entidade bancaria galega, supoñen un paso máis na aposta por un referente de ocio en galego para os máis cativos ao tempo que un apoio á creación propia, posto que son moitas as empresas e compañías da comunidade que colaboraron para dar vida aos personaxes dos contos, tanto na tele como nos espectáculos que desde hai meses percorren a xeografía galega e que teñen aos Bolechas como protagonistas.

Enmarcado tamén nesta nova etapa púxose en marcha unha web (www.osbolechas.gal) onde os pequenos poden facerse socios do Club e atopar xogos, novas, libros interactivos, visitar unha granxa, cantar, etc. Ademais Os Bolechas contan tamén con perfil en Facebook (www.facebook.com/osbolechas) e Twitter (@OsBolechas) e canle en Youtube (http://www.youtube.com/osbolechas). 









Arquivos