Un traballo artesanal cen por cen galego

Moitas xoiarías de toda Galicia contan xa coas xoias dos Bolechas, presentadas o pasado mes de novembro e elaboradas de xeito totalmente artesanal por Fink-orfebres. Un traballo lento e laborioso que dá lugar a auténticas “xoias” cen por cen galegas. 


13 de xaneiro de 2014



Entrar no obradoiro compostelá de Fink-orfebres é unha experiencia pouco común nos tempos que corren. Atopar un taller con máis de media ducia de orfebres traballando de xeito totalmente artesanal cada peza, desde que é un trozo de prata ata ter unha pequena xoia, é cada día máis difícil. A industrialización, a deslocalización e a man de obra barata que ofrecen países asiáticos fai que apenas subsistan artesáns, mesmo de profesións tradicionais arraigadas na nosa comunidade.

Aínda así hai empresarios que seguen apostando pola artesanía local, que xeran traballo e actividade en Galicia sen que iso supoña renunciar á calidade nin á competitividade. É o caso da firma compostelá Fink-orfebres, auténticos mestres artesáns que desde hai tres meses sumaron ao seu prestixioso catálogo as xoias dos Bolechas.

En total son 56 deseños diferentes entre aneis, pendentes, colgantes e pulseiras. Todas as pezas están elaboradas en prata de primeira lei e esmaltadas a man en diferentes cores, nun proceso estremadamente laborioso no que é preciso misturar as cores nas porcentaxes exactas para dar coa cor que todas as nenas e nenos galegos identifican con cada personaxe. Unha vez se ten a cor, hai que aplicala punto a punto cunha xiringa debido ao reducido da superficie a traballar. Un traballo ao que hai que sumar a propia elaboración da peza en prata e o acabado final, para o que é preciso utilizar tecnoloxía de última xeración que evite estropear este traballo de esmaltado no proceso final de engarce de cada peza. 

Pola calidade dos materiais utilizados e por este proceso artesanal toda a colección dos Bolechas conta co certificado de garantía de Galicia Calidade, un recoñecemento a estes artesáns que apostan por Galicia en cada unha das súas decisións nun momento moi complicado empresarialmente, e que permiten poñer no mercado unha auténtica xoia cen por cen galega a un prezo accesible para todo o mundo.

As xoias dos Bolechas están xa en moitas xoiarías de toda Galicia. Na páxina web www.osbolechas.gal/xoias pódese consultar a lista de establecementos nos que están xa, aínda que calquera xoiaría galega pode pedir a Fink-orfebres o pedido de cada cliente. 









Arquivos