Os Bolechas estarán de xira este Nadal por toda Galicia

Os Bolechas percorrerán toda a xeografía galega cun circo de Nadal, BrincaBolechas, no que estarán acompañados de numerosos artistas e amigos: acróbatas, clowns, cantantes e moitas sorpresas.




Os seis irmáns Bolechas e o seu can, Chispa, estarán de xira este Nadal por toda a xeografía galega para ofrecer un novo espectáculo, “BrincaBolechas. Circo de Nadal”. Os populares personaxes estarán acompañados por moitos amigos cos que interpretarán diversos números cómicos, de malabares e musicais que farán as delicias de pequenos e maiores.

Este espectáculo, producido por Edicións Bolanda, conta coa produción artística de Pistacatro e a participación dun amplo elenco técnico e artístico, no que destaca a compañía Xarume, e dirixido por Marcos PTT e formado por máis de 30 persoas á fronte das cales estarán, como mestres de cerimonias, os coñecidos artistas Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira.

O Circo de Nadal é un musical infantil no que terá un especial protagonismo a banda sonora dos Bolechas, tanto os temas xa coñecidos como os novos que se están a preparar para a ocasión, novas cancións orixinais dos Bolechas que pronto se converterán nun novo éxito musical entre o público infantil galego.

Universo Bolechas en oito vilas e cidades

Ademais do Circo de Nadal, BrincaBolechas inclúe todo o “universo Bolechas” coa instalación de varios stands con diverso material así como un orixinal e divertido photocall virtual, no que todo aquel que o desexe poderá facerse un retrato virtual cos Bolechas en divertidas situacións e enviar a foto por correo electrónico para tela de recordo.

Todo isto chegará a oito vilas e cidades de Galicia ao longo do Nadal, desde o día 26 de decembro ata o 7 de xaneiro. A primeira cita será en Lugo, no Auditorio municipal Gustavo Freire o mércores 26 de decembro. Ao día seguinte, o xoves 27, todo o equipo trasladarase ao Centro cultural Novacaixagalicia de Vigo, o venres 28 a cita será en Santiago, no Centro cultural Novacaixagalicia da rúa Preguntoiro e o sábado 29 de decembro, o espectáculo terá lugar no Centro cultural Novacaixagalicia de  Pontevedra.

Xa en xaneiro, a primeira cita será o día 2 no Auditorio municipal de Ourense para trasladarse o xoves 3 ao Auditorio Municipal de Lalín e o venres 4 ao Teatro Jofre de Ferrol. E rematará a xira o luns, 7 de xaneiro, no Auditorio municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 horas.

As entradas, que teñen un custo de 5 euros para nenos e 7 para adultos, están á venda en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. Todos os espectáculos contan co patrocinio e a colaboración de Sogama, Novacaixagalicia, Novagalicia Banco, a Televisión de Galicia e a Xunta de Galicia.









Arquivos