Máis de 8.000 galegos gozaron dos Bolechas este Nadal

Os Bolechas cantan con Lady Vina levantou o pano este mércores por última vez en Vilalba, tras percorrer once vilas galegas. Máis de 8.000 persoas viron Os Bolechas este Nadal por toda Galicia.


08 de xaneiro de 2014



A xira dos Bolechas chegou ás principais cidades e vilas galegas, en moitas das cales houbo que colgar o cartel de “non hai entradas” malia que este ano se aumentou en tres o número de vilas da xira con respecto ao ano pasado. Deste xeito máis de 8.000 persoas puideron coñecer os monicreques da Televisión de Galicia e gozar das cancións dos Bolechas, en especial das do novo disco Os Bolechas fan unha banda, no que participan dez dos grupos e intérpretes galegos máis relevantes do actual panorama musical.

Precisamente o libro-disco dos Bolechas foi o grande éxito editorial deste Nadal, tanto nas librarías galegas como no posto de venda que se instalou nos teatros o días das funcións. Tamén o reloxo dos Bolechas tivo unha grande acollida e tampouco pasou desapercibida a Biblioteca Básica coa súa prezada Mulecha, a vaca-maleta dos Bolechas.

Tanto o director do espectáculo, Santi Prego, como os actores aseguran estar “moi satisfeitos” co resultado da xira, que foi “gañando en cada función”. Os manipuladores dos bonecos, protagonistas tamén do espectáculo, aseguran que foi “unha experiencia profesional incrible”, posto que poucas veces se ten representado en Galicia “un espectáculo destas características”. Tamén resaltan o gratificante que é “recibir o aplauso do público infantil” e o “contacto directo cos nenos tras cada espectáculo”.

Este foi precisamente un dos momentos máis emocionantes para os pequenos, o poder ver de preto os seus personaxes preferidos e mesmo tocalos e fotografarse con eles. Moitos levan un recordo impagábel deste espectáculo que por uns días sacou Os Bolechas da pequena pantalla para levalos á vida real.

Ademais do espectáculo musical, Os Bolechas estiveron tamén este Nadal na Pobra de Trives, en Porto do Son, en Pontevedra e nas cabalgatas dos Reis de Vigo e Santiago de Compostela.









Arquivos