Presentación do libro “Os Bolechas - Máis que mel” en Santiago
Este novo título pretende dar a coñecer aos máis pequenos a importancia das abellas para o ser humano e para o resto de seres vivos no seu conxunto, sensibilizando sobre o coidado do medio para preservar o seu hábitat
As abellas son moi importantes… E os Bolechas sábeno! Por iso vénse de presentar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela un novo libro adicado por enteiro a esta especie tan peculiar, aproveitando a celebración do Día Mundial da Abella este 20 de maio.
“Os Bolechas-Máis que mel” naceu froito da colaboración entre o debuxante Pepe Carreiro e o colectivo Máisquemel, co obxectivo de dar visibilidade a uns insectos cuxa existencia resulta imprescindible para a vida. Ao longo das súas páxinas, Os Bolechas, coa axuda de Iria, Ulla e Roi, explican o apaixonante mundo das abellas, as súas características, funcións e, sobre todo, tratan de concienciar aos máis pequenos acerca da relevancia de coidar o medio ambiente, aportando información sobre as accións que poden levar a cabo no seu día a día para axudar a estes animais.