Este 6 de maio… "Os Bochechas visitam Estarreja"

Os Bolechas e Pepe Carreiro presentan este mércores, 6 de maio, un novo título: Os Bochechas visitam Estarreja. Farano no marco da Feira do Libro e da Música de Estarreja.


05 de maio de 2015



Este mércores 6 de maio Os Bochechas visitarán o municipio de Estarreja para presentaren a súa última aventura, que transcorre nesta fermosa terra. O acto, enmarcado na programación da Feira do Libro e da Música que promove a Câmara Municipal de Estarreja, desenvolverase entre as 10:30 e as 15:30 h na praza Francisco Barbosa.

No marco do “Encontro com Escritores”, Os Bochechas e o seu autor, Pepe Carreiro, mostrarán a súa visión de Estarreja grazas á obra de MEL Editores na que por vez primeira os populares irmáns visitan unha cidade portuguesa. Deste xeito as nenas e nenos poderán coñecer os protagonistas da serie que emite a RTP desde principios de ano.

Ademais Os Bochechas volverán a Estarreja a finais de mes co seu espectacular autobús de dous pisos con sala de cine, ludoteca, sala de lectura e xogos e actividades didácticos para os máis pequenos. Será o día 31 de maio no Parque Municipal do Antuã, con motivo da celebración do Día Mundial da Criança.

Feira do Libro e da Música

A Feira que comeza este mércores, 6 de maio, desenvolverase ao longo de cinco días e reunirá diversas propostas relacionadas coa literatura e a música: encontros con escritores, contacontos, concertos, danza, xogos etc. 









Arquivos