Imos ao entroido ourensán

Esta mañá presentamos no Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo, o novo material sobre o entroido ourensán, un libro e unha unidade didáctica nos que vos contamos todo sobre os diferentes carnavais da provincia.


20 de febreiro de 2020



O Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo de Limia, acolleu hoxe a presentación da nova iniciativa literaria e didáctica dos Bolechas, dedicada nesta ocasión ao entroido ourensán. Trátase dun libro e dunha guía, editados pola Deputación de Ourense e Bolanda Edicións, que teñen como obxectivo dar a coñecer os distintos entroidos da provincia de Ourense. Ao acto asistiron, ademais dos Bolechas, alumnos de primeiro de primaria do CEIP Carlos Casares que, ao final da presentación, tiveron a oportunidade de compartir momentos cos Bolechas.

O presidente do goberno provincial lembrou que esta presentación “organízase en Xinzo, que conta cun entroido que é Festa de Interese Turístico Internacional” e recordou tamén que “dos nove carnavais de Galicia que son festa de interese turístico, sete son da provincia de Ourense”. Manuel Baltar salientou que esta nova publicación dos Bolechas vai na liña que sempre desenvolven estes personaxes, “que tanto fan pola nosa lingua, non só en Galicia senón tamén en Portugal”, e destacou a “riqueza cultural” que significa o entroido ourensán, “que estes días celebra máis de 350 actividades en 50 localidades da provincia”.

As 2.000 guías e 10.000 unidades didácticas do Entroido ourensán vanse repartir estes días entre 114 centros educativos de educación primaria da provincia, “para que os nenos coñezan, da man dos Bolechas, máis do noso gran parque temático de cultura e tradición ourensá, que é o entroido”, expresou o presidente. Pola súa banda, o editor Antonio Couto, de Edicións Bolanda, explicou a liña narrativa desta obra e dixo que “en Ourense, como capital mundial do entroido, Os Bolechas vanse disfrazando e percorren todas as vilas da provincia, xogando e gozando desta festa”.









Arquivos