Éxito rotundo na estrea de BrincaBolechas en Lugo

Onte, 26 de decembro, comezou a xira de BrincaBolechas en Lugo, cun éxito total de público. Ducias de persoas quedaron ás portas do auditorio ao esgotarse todas as entradas. A xira continúa por toda Galicia.




O “BrincaBolechas. Circo de Nadal” comezou onte, 26 de decembro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo a xira que levará este espectáculo por oito vilas e cidades galegas. A estrea foi todo un éxito; as máis de 850 entradas esgotáronse e foron moitos os fans dos Bolechas que quedaron ás portas do auditorio, polo que a organización avisa a aqueles que desexen asistir a algún dos espectáculos previstos noutras vilas que adquiran as súas entradas por anticipado, ben no teléfono 902 504 500 ou a través de internet, na páxina web www.servinova.com. As entradas custan 5 euros para nenos e 7 para adultos.

Tras a estrea en Lugo, o BrincaBolechas chega hoxe, xoves 27, ao Centro cultural Novacaixagalicia de Vigo; mañá, venres 28, a cita será en Santiago, no Centro cultural Novacaixagalicia da rúa Preguntoiro e o sábado 29 de decembro, o espectáculo terá lugar no Centro cultural Novacaixagalicia de Pontevedra.

En xaneiro, a primeira cita será o día 2 no Auditorio municipal de Ourense para trasladarse o xoves 3 ao Auditorio Municipal de Lalín e o venres 4 ao Teatro Jofre de Ferrol. E rematará a xira o luns, 7 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 horas.

Os seis irmáns Bolechas e o seu can, Chispa están acompañados nesta xira por moitos amigos cos que interpretan diversos números cómicos, de maxia e malabares destinados a un público familiar e executados polos experimentados artistas de Xarume e Pistacatro. Pero a auténtica protagonista é a música, coa interpretación da banda sonora dos Bolechas e de novos temas compostos para a ocasión, coma unha panxoliña que en Lugo foi das máis aplaudidas polo público.

Producido por Edicións Bolanda, participa nestes espectáculos un amplo elenco técnico e artístico dirixido por Marcos PTT e formado por máis de 40 persoas, á fronte das cales están, como mestres de cerimonias, os coñecidos artistas Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira.

Todo o universo Bolechas en xira

Ademais do espectáculo, BrincaBolechas inclúe todo o “universo Bolechas” coa instalación de varios stands con diverso material –libros, a mochila, os vasos ou a Muuulecha– así como un orixinal e divertido photocall virtual, no que todo aquel que o desexe pode facerse un retrato virtual cos Bolechas en divertidas situacións e enviar a foto por correo electrónico para tela de recordo.

Tamén tivo gran acollida un xogo para coñecer á familia Bolechas a través de diversas ventás e o material promocional repartido polos patrocinadores e colaboradores: Sogama, Novacaixagalicia, Novagalicia Banco, a Televisión de Galicia e a Xunta de Galicia. Todo isto estará presente en todos os espectáculos BrincaBolechas deste Nadal.









Arquivos