“Os Bolechas coñecen xente de Lugo”

Esta fin de semana presentamos un novo título editado xunto ao Concello de Lugo no marco da iniciativa Empodérate!, un proxecto elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos.


27 de maio de 2019



Os Bolechas visitaron o Vello Cárcere para presentar a súa nova publicación, Os Bolechas coñecen xente de Lugo, un conto editado polo Concello no marco da iniciativa Empodérate!, un proxecto presentado e elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos. Concretamente, esta iniciativa foi presentada conxuntamente pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e a Asociación Edeid@des, sendo a terceira máis votada deste proceso participativo.

O libro, do que se editaron 2.000 unidades, ten por obxectivo traballar en prol da igualdade no ámbito laboral dende idades temperás, para incidir en que a elección profesional que as nenas e os nenos realicen no futuro non debe estar limitada polo seu xénero, senón polas súas inquedanzas persoais. Nel aparece unha árbitra de fútbol, unha arquitecta técnica, un bailarín, unha adestradora de baloncesto, un matrón e unha investigadora de laboratorio, entre outros.

A publicación é o último paso da iniciativa, que incluíu a celebración do obradoiro Empodérate!, destinado a nenas e nenos de 6.º de educación infantil e 1.º e 2.º de primaria, onde se deu visibilidade a unha ampla variedade de profesións e traballos, aportando a experiencia persoal de persoas voluntarias que desenvolven a súa actividade laboral en ámbitos fortemente masculinizados ou feminizados, facendo fincapé en que non existen profesións de homes e profesións de mulleres.









Arquivos