A Casa da Cultura do concello acollerá este xoves, 29 de maio, a presentación da nova guía Os Bolechas van a Santa Comba. Ata alí se achegarán todos Os Bolechas e Pepe Carreiro xunto co R4 e o novo autobús Bolechas, cheo de actividades para os máis cativos.
Os Bolechas presentan este xoves un novo conto que transcorre no concello de Santa Comba. A presentación será ás 11.30 h na Casa da Cultura onde estarán, ademais do alcalde e a concelleira de Cultura, Pepe Carreiro e, como non, todos Os Bolechas.
Pero a festa comezará antes, xa que Os Bolechas sairán ás 11:00 h co CEIP Barrié de la Maza acompañados polo R4 e visitarán a gardería para seguiren despois andando pola rúa Alfonso Molina cara a Casa da Cultura.
Alí mesmo, no Campo da Feira, estará aparcado o espectacular Autobús dos Bolechas onde, tras a presentación do libro, os nenos e nenas poderán gozar das múltiples actividades que ofrece, tanto na ludoteca e na zona de lectura do primeiro andar coma na sala de cine da segunda planta.
Mentres tanto Pepe Carreiro firmará autógrafos aos seguidores que o desexen e Os Bolechas estarán polo Campo da Feira para saudar a todas as nenas e nenos –de idade e de espírito– que se acheguen ata o lugar.
Os Bolechas van a Santa Comba
Na nova historia da colección Guías, Os Bolechas van á Festa Celta de Santa Comba coa súa amiga Mencía. Unha festa moi divertida onde todo o mundo vai vestido de celta. Bueno… todos non, porque Carlos trabúcase un pouco de época e terá algúns problemas na fermosa vila coruñesa.