Os Bolechas van polo río é o novo título publicado no marco do proxecto Life Fluvial, para pór en valor e explicar como protexer os nosos espazos naturais. O libro pódese ler en galego, portugués e castelán para chegar ás zonas que abrangue o proxecto en Galicia, Asturias e Portugal.
Os días 20, 21 e 22 de maio, co gallo da celebración do Día da Rede Natura 2000 e no marco do proxecto Life Fluvial, dende a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo leváronse a cabo unha serie de actividades dirixidas a concienciar a comunidade escolar da necesidade de protección destes espazos naturais.
Entre as actuacións desenvolvidas houbo charlas divulgativas sobre especies exóticas invasoras, avistamento de aves, talleres e visitas á Zona de Especial Conservación Betanzos-Mandeo. E todas as nenas e nenos participantes recibiron como agasallo un exemplar do novo libro Os Bolechas van polo río, que foi utilizado como material didáctico para dar a coñecer o valor destes espazos e a necesidade de conservalos e protexelos.
Con este fin se editou Os Bolechas van polo río, un título que chegará ás cinco zonas de Asturias, Galicia e Portugal onde actúa Life Fluvial, un proxecto destinado a protexer e restaurar os corredores fluviais da Rede Natura 2000. A través dunha divertida aventura dos Bolechas, o libro explica que especies son autóctonas dos nosos ríos e bosques de ribeira e cales son invasoras, e por que estas supoñen un perigo para a nosa contorna. Ao final, inclúense actividades para reforzar o aprendido. O libro foi editado en galego, portugués e castelán para achegar a mensaxe ao maior número de lectores.