Os Bolechas promoven a alimentación saudable

Un conto, Os Bolechas educan a Pepiño Chispa, unha web e un concurso de debuxo mostrará aos máis pequenos a importancia da actividade física e da alimentación saudable. A iniciativa forma parte do Plan galego de prevención da obesidade infantil que se está a elaborar actualmente. 


29 de xaneiro de 2014



A Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores de Galicia e o Foro Interalimentario ­­–unha entidade sen ánimo de lucro que engloba máis de vinte empresas do sector agroalimentario–, asinaron un convenio para promover un estilo de vida saudable entre os máis pequenos.

Para iso realizarán diversas campañas divulgativas entre as que se inclúe a edición desta nova historia dos Bolechas, que vén acompañada de varias propostas paralelas, como a posta en marcha dunha páxina web con xogos educativos e un concurso de debuxo en liña. O libro, Os Bolechas educan a Pepiño Chispa, está dirixido a nenas e nenos de 4 a 7 anos e será distribuído en centros educativos, hospitais e bibliotecas públicas.

A campaña pretende reducir o contido en sal, azucres e graxas saturadas e a eliminación das graxas trans en produtos alimenticios, para que os menores se reorienten cara a uns perfís nutricionais máis saudables. O programa prevé, así mesmo, outras medidas para orientar o consumidor, como a creación dunha aplicación para web e teléfonos móbiles que permita interpretar correctamente as etiquetas nutricionais dos alimentos. 

Con este convenio a Consellería de Sanidade pretende mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación galega, a través da promoción dun estilo de vida saudable dende as idades máis temperás.









Arquivos