“É un disco que pode gozar plenamente un adulto; aí está o potencial desta recompilación”
Carlos Pereiro é o produtor do disco Os Bolechas fan unha banda. El é o responsable da selección de grupos e da coordinación de todo o traballo, pero é tamén o líder dunha das bandas revelación nos últimos anos, Novedades Carminha, que aportou ao disco un dos temas máis “cañeiros”: Non quito o chándal.
Que criterios seguiches para a selección de grupos?
Primeiro quería conseguir un disco coral, no que estiveran representados moitos dos xéneros musicais que se están desenvolvendo neste momento en Galicia. Dende o pop ao rap, pasando polo ska, a electrónica ou a música tradicional.
Era o primeiro traballo destas características?
Non, anteriormente fixen un traballo similar para o caderno de vacacións Bababum, aínda que neste caso orientado un pouco máis ás tendencias actuais da música.
Que foi o máis complicado?
Tiven a sorte de que a editora, Bolanda, como as bandas colaboraron activamente no proceso, primeiro aceptando o proxecto e despois cumprindo os prazos etc., por tanto foi bastante doado nesta ocasión.
Como grupo que participou tamén no disco, como foi a selección do voso tema?
É unha canción de rock and roll para bailar, cunha temática universal que nos afectou a nós os tres persoalmente no pasado: os nenos non queren quitar nunca o chándal sexa na situación que sexa (un partido de baloncesto, unha voda, unha cea de Nadal ou unha clase de matemáticas), e estea o chándal no estado que estea (roto, manchado de nocilla...). É cómodo e é o uniforme dos rapaces e as rapazas. Estamos con eles!
É moi diferente traballar para nenos, adolescentes ou adultos?
Eu creo que a música é universal e transversal en canto a idades. Non me interesa o que chaman a música infantil como xénero, interésame que todo o mundo goce dela. Seguramente no proceso de composición hai que facer un pequeno esforzo para adaptar o discurso e conseguir que os nenos poidan comprender o que se está contando, pero creo que é un disco que tamén pode gozar plenamente un adulto e aí está o potencial desta recompilación.
Acabamos de gravar un disco que presentaremos en marzo e o acompañaremos dunha xira pola península, polo momento, así que chegan momentos de máxima actividade para o grupo.