Os Bolechas presentan unha nova aventura en Cuntis

Os Bolechas presentaron esta fin de semana unha nova aventura que transcorre no concello de Cuntis. O autor asinou exemplares do libro na casa da cultura e os personaxes percorreron as rúas da vila facendo as delicias de pequenos e maiores. 




Coincidindo coa segunda edición da festa da Belle Époque, Os Bolechas volveron desprazarse a Cuntis. Tan ben o pasaron o ano pasado que non quixeron perder unha nova edición da festa e, ao tempo, presentar o libro coas aventuras que viviron na primeira edición desta celebración, na que Carlos tivera un pequeno malentendido coa temática da festa e levara un disfrace bastante inadecuado que fixera rir a esgalla a todo o grupo.

As aventuras dos Bolechas en Cuntis foron presentadas ás 12 do mediodía na casa da cultura en presenza do seu autor, Pepe Carreiro, quen asinou numerosos autógrafos aos fans que se achegaron ao acto. Ademais da festa da Belle Époque, Os Bolechas deron a coñecer a través do seu novo libro algunhas das riquezas deste concello, como as famosas termas que os irmáns non se resistiron a probar.

Tras a presentación, os seis irmáns, acompañados do seu inseparable can, Chispa, e do seu colorido coche, percorreron as rúas da vila fotografándose, bailando e paseando cos veciños de Cuntis e cos moitos amigos que quixeron pasar con eles unha soleada mañá de sábado na fermosa vila termal.









Arquivos