Os Bolechas comezan a súa xira ourensá

A Caravana Bolechas percorrerá nove vilas desde este sábado, 11 de abril ata o domingo 19. Ademais de actividades, todos os que se acheguen recibirán o libro Os Bolechas van a Ourense e poderán participar no sorteo de catro premios diarios. 


09 de abril de 2015



Os Bolechas inician este sábado, 11 de abril, a súa xira pola provincia de Ourense. A popular familia percorrerá nove vilas ourensás coa súa Caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.

Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia. Por iso, todas as nenas e nenos que se acheguen á Caravana Bolechas levarán de forma totalmente gratuíta o libro Os Bolechas van a Ourense. Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos!

Esta xira forma parte dunha iniciativa de promoción infantil da provincia de Ourense presentada o 29 de marzo polo presidente da Deputación no concello de Esgos, ata onde se achegaron os propios Bolechas co seu espectacular autobús de dúas plantas. Alí presentouse tamén outra proposta desta iniciativa, a edición do libro que levarán todos os que se acheguen estes días á Caravana Bolechas.

Calendario da xira

 

  • Sábado 11: O Barco de Valdeorras - Praza do Concello
  • Domingo 12: A Pobra de Trives - Praza de Abastos
  • Luns 13: Verín - Praza García Barbón
  • Martes 14: Xinzo de Limia - Praza Carlos Casares
  • Mércores 15: Bande - Praza da Constitución
  • Xoves 16: Celanova  
  • Venres 17: Ourense - Praza Maior  
  • Sábado 18: O Carballiño - Praza Maior   
  • Domingo 19: Ribadavia – Jardinillos (diante da Casa da Cultura)

 

O horario de apertura da Caravana Bolechas será en todas as vilas de 12:30 h a 14.30 h e de 16.30 a 20.30 horas. 

Todas as datas, actividades e a información relacionada cos sorteos –premios, gañadores etc.– poden consultarse nunha páxima web específica desta xira www.osbolechas.gal/sultan/vanaourense.









Arquivos