Os Bolechas completan a colección especial con motivo do 20 aniversario
Esta semana chega ás librarías galegas o cuarto volume da edición especial que reúne catro historias clásicas dos Bolechas no Formato Clásico e tamén en formato audioconto.
Este ano Os Bolechas celebran o seu 20 aniversario. Dúas décadas de vida da popular familia creada por Pepe Carreiro nos albores do novo século e que se converteu nun dos fenómenos editoriais da literatura infantil. Para recordar aqueles primeiros títulos que contribuíron ao éxito dos Bolechas, Edicións Bolanda creou unha colección especial que recupera o Formato Clásico dos contos pero reúne en cada libro catro das primeiras historias publicadas. A colección vai xa polo cuarto volume, que esta semana chega ás librarías galegas e inclúe os títulos Os Bolechas van á aldea, Cortan o pelo, Van ao médico e Van ao cine, todas do ano 2001.
Esta edición especial recupera as vellas historias adaptando os textos á actual normativa ortográfica e morfolóxica da lingua galega e inclúe un código para descargar os contos en formato audiolibro, unha nova forma de achegarse aos Bolechas que fomenta a imaxinación e a inclusión sen perder a esencia da popular familia. Para escoitar os contos só hai que meter o código que trae cada libro na web do 20 aniversario e descargar os audios.
Todos os contos foron coidadosamente seleccionados para que toda a familia poida gozar desta serie literaria que forma parte xa do acervo cultural e da memoria persoal de milleiros de lectoras e lectores galegos, moitos deles nais e pais que creceron cos Bolechas e agora recuperan aquelas historias para transmitirllas ás súas fillas e fillos.
Tamén o seu autor, Pepe Carreiro, recorda nesta edición especial que os Bolechas “convertéronse en parte da miña familia e pouco a pouco tamén da de moitos de vós”. E aínda que actualmente os Bolechas están na rúa, na tele e mesmo nas redes sociais, comezaron sendo contos e os contos continúan a ser a súa esencia. De aí que neste aniversario tan especial boa parte do protagonismo sexa para eses libros cadrados de tapas duras tan recoñecibles para todas as persoas que coñecen os Bolechas.
Catro libros e 16 historias dos Bolechas
Con este cuarto volume que vén de saír do prelo son xa 16 as historias que se recuperan para o papel e se converten en audiocontos. As catro últimas únense aos títulos Os Bolechas xogan ás escondidas (2000), Teñen gato (2001), Perderon o can (2002) e Fan un carro (2002), todas publicadas no primeiro volume desta edición especial. No segundo libro publicáronse Os Bolechas van á praia (2000), Van á hamburguesería (2002), Van en caravana (2003) e Van en ascensor (2005). E o terceiro recompilou Os Bolechas fan pis (2002), Teñen medo (2000), Fan maxia (2000) e Están namorados (2002).
Ademais das novas publicacións, Os Bolechas están presentes en formato audiovisual na súa propia canle de Youtube, onde se poden ver os capítulos das series da Televisión de Galicia, os do curso de inglés One2Three ou BraulioTuber, a exitosa proposta coa que Braulio Bolechas percorre os centros educativos de Galicia e que vai xa pola terceira tempada. Tamén na web www.osbolechas.gal se pode acceder libremente e en aberto a todos os audiovisuais, xunto a numerosos xogos, actividades e propostas didácticas e moi divertidas que se van actualizando periodicamente. Asemade, estanse a preparar novas sorpresas para o próximo curso que se irán dando a coñecer, como é habitual, a través da web e das redes sociais Facebook e Twitter.