Debuxa cos Bolechas e gaña grandes premios para ti e para o teu cole

Case medio centenar de premios repartirá o concurso de debuxo “Historias do meu cole” que poñemos en marcha coa Obra Social “la Caixa” e a TVG. O prazo de participación xa está aberto na web do certame, www.osbolechas.gal/cole.


10 de novembro de 2015



O concurso quere resaltar o papel que xogan o colexio e os mestres na vida das nenas e nenos galegos, así como os valores relacionados co contorno escolar. Para iso propoñemos aos escolares de infantil e primaria que debuxen “historias do seu cole” na plataforma do concurso, mostrando calquera aspecto do seu colexio ou do mundo escolar na sección “Debuxar agora” da web www.osbolechas.gal/cole, e seguir as instrucións.

No mesmo sitio web poden atopar as bases do certame así como as instrucións para participar, as galerías cos debuxos presentados, os premios etc. O concurso comeza hoxe, 10 de novembro, e remata o 11 de decembro.

Hai tres categorías segundo a idade dos artistas: ata os 5 anos, de 6 a 8 anos e de 9 a 12 anos. Non obstante, ampliarase o rango de idade no caso de nenas e nenos que acrediten algún tipo de discapacidade, co obxectivo de fomentar a integración social e facilitar a participación no concuros de todos os seguidores dos Bolechas.

Case 50 premios para os participantes e os coles

Cada semana sortearase un curso de inglés e unha maletas dos Bolechas para cada categoría. Así mesmo, haberá un sorteo final que deixará tres premiados en cada categoría: os gañadores en cada unha delas levarán cadansúa televisión Sony Bravia de 32 polgadas para eles e unha tablet Android de 9,7 polgadas para a súa aula. Os segundos finalistas recibirán unha tablet (para eles) e os terceiros unha bicicleta adaptada á idade de cada un.

Asemade, os gañadores das tres categorías entrarán nun gran sorteo final dun cheque de 1.000 euros para o seu colexio. E os dous centros escolares de Galicia que teñan máis participantes no concurso levarán cadansúa tablet Android de 9,7”. En total o concurso repartirá case medio centenar de premios entre as nenas e nenos participantes e os seus centros escolares.

Tanto os premios como a lista de gañadores pode consultarse na web, onde tamén se poden ver todos os debuxos presentados en cada categoría. Cada participante pode facer cantos debuxos queira, xa que canto máis participe máis opcións de gañar terá. Ademais, unha vez se estea rexistrado na páxina, tan só hai que acceder á área de participantes co usuario e o contrasinal para subir os novos debuxos e optar aos grandes premios previstos. 









Arquivos