Os Bolechas protagonistas da nova campaña da DGT

Tráfico presenta en Ames mañá, 25 de febreiro, a súa nova campaña estatal de educación viaria que ten Os Bolechas como protagonistas. No acto estará o noso autobús e moitos medios técnicos da DGT, entre eles o helicóptero Pegasus. 


24 de febreiro de 2015



A Dirección Xeral de Tráfico, dependente do Ministerio do Interior, elixiu Os Bolechas para ser protagonistas da nova campaña dirixida aos máis novos. Trátase dunha ambiciosa proposta a nivel estatal destinada a achegar a educación viaria á franxa de poboación máis nova e comezar así a concienciación desde os primeiros anos, algo esencial para lograr unha mellor implantación da mensaxe e o seu cumprimento das normas de seguridade viaria por parte de todos.

Para iso, a DGT, en colaboración con Pepe Carreiro, abordou o tema da educación viaria plasmando las vivencias de esta familia en cinco historias que conforman a colección, e incorporando unhas primeiras nocións de educación viaria co fin de que vaian interiorizando determinados conceptos de forma amena e divertida.

Cinco libros e un caderno aos que se sumará unha web

Os Bolechas van en autobús, Os Bolechas van en coche, Os Bolechas van á escola, Os Bolechas van pola rúa e Os Bolechas van en bicicleta son os títulos das novas guías que axudarán á Dirección Xeral de Tráfico a achegar a importancia da seguridade viaria aos máis novos. Os contos, ademais da historia, recollen mensaxes moi sinxelas e adaptadas ao "público Bolechas", e ao final a sección “Lembra” resume as principais normas. O caderno de exercicios conta diversas actividades para afondar nos coñecementos adquiridos de forma divertida.

Este material complementarase moi pronto cunha web específica onde se poderá obter máis información a través de novas actividades e xogos interactivos que servirán de axuda tanto á DGT como a pais e profesores para traballar diversos aspectos da educación viaria.

Espectacular presentación en Ames

A presentación da campaña a nivel nacional será mañá mércores, 25 de febreiro, no  concello de Ames. O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presidirá o acto, ao que asistirán tamén o alcalde de Ames e autoridades da DGT.

Os Bolechas chegarán ao pavillón polideportivo de Bertamiráns ás 10.30 h co seu autobús de dúas plantas cheo de actividades e propostas para as nenas e nenos do municipio convidados ao acto, no que estarán presentes tamén todos os medios técnicos da Dirección Xeral de Tráfico, entre eles o seu helicóptero Pegasus, pero tamén coches radar, motos, coches da policía local de Ames etc.  









Arquivos