Presentación do libro 'Os Bolechas van á catedral de Santiago de Compostela'

Acompañados por nenos do CEIP López Ferreiro, os Bolechas presumiron dun título no que relatan a historia do templo compostelán dende unha perspectiva lúdica e didáctica. 


06 de outubro de 2022



Os Bolechas van á catedral de Santiago de Compostela é o título do novo libro que a familia animada máis querida polos nenos galegos presentou este xoves na capital compostelá. Arroupados por preto de medio centenar de alumnos do CEIP López Ferreiro, os Bolechas corpóreos descubriron unha obra que afonda na historia do templo dun xeito lúdico e didáctico, achegando á cativada unha das xoiais patrimoniais máis destacadas da comunidade.

 

Un título a iniciativa da Fundación Catedral de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicado baixo o selo da Editorial Bolanda, que, a través das aventuras e ensinanzas dos Bolechas, busca fomentar a curiosidade dos máis pequenos nun monumento que exerce como símbolo da cidade compostelá e que atrae a milleiros de peregrinos cada ano.

 

O acto, que tivo lugar ás 11 horas na cripta do Pórtico da Gloria, contou igualmente coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago; e Cecilia Pereira, conselleira delegada do Xacobeo 21-22. Personalidades que, no marco da presentación, non perderon a oportunidade de recordar a importancia de promover o interese pola vertente cultural e o coñecemento da historia de Galicia dende idades temperás.









Arquivos