Chegamos a Tomiño coa nosa expo da lingua!

Desde esta mañá e ata o 15 de novembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na Praza do Seixo de Tomiño para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas.


05 de novembro de 2018



A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas no concello de Tomiño esta mañá coa presenza, como é habitual dos irmáns e irmás Bolechas, que acompañaron a un grupo de 28 alumnos e alumnas do CEIP de Barrantes.

Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, varios concelleiros e concelleiras de Tomiño, como Cristina Martínez, Uxío Benítez, Fátima Rodríguez, Lois Vázquez e Antonio Tartaglioni, e Teresa Rocamonde, da Editorial Bolanda, que deu a benvida en nome dos Bolechas e convidou a toda a comarca a achegarse a coñecer curiosidades sobre "os diferentes xeitos de falarmos o galego da forma máis divertida, como fan sempre os Bolechas".

Cristina Martínez e Xosé Leal destacaron tamén a oportunidade que ofrece esta mostra para "aprender xogando". O deputado provincial fixo fincapé en que "poderemos descubrir todos os xeitos de falar que temos no país, ver como falades aquí en Tomiño e como falan en Lugo, e como falades vós e como falan as vosas avoas ou as vosas nais". Cristina Matínez tamén animou a toda a rapazada a volver fóra das visitas escolares, e aproveitar o horario de tarde para gozar da mostra coa familia e cos amigos e as amigas.

Aberta todos os días 

Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –as reservas para centros educativos xa están completas– e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 16 a 20 horas.

Esta exposición, que iniciou a itinerancia o pasado mes de maio, xa estivo en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza e Caldas, e tras pasar por Tomiño, continuará o seu percorrido por Ponteareas e Vigo. 

Para saber máis poden consultar a web propia da mostra www.osbolechas.gal/ghatos.









Arquivos