Este domingo celébrase en Catoira o desembarco vikingo, unha das actividades centrais da Romaría Vikinga que inclúe tamén teatro, xornadas sobre historia, mercado medieval, verbenas, concertos… Nós estivemos alí e contámolo nun libro!
“Catoira está na comarca de Caldas, no fondo da ría de Arousa, xusto onde desemboca o río Ulla”. Así comeza Catoira, o libro no que contamos toda a historia deste concello e todo o que ofrece a día de hoxe, que é moito máis que a festa vikinga. Mais aproveitando que esta fin de semana se celebra, recomendamos que vaiades e coñezades a riqueza deste concello, cheo de patrimonio e enclavado nunha paraxe espectacular.
Poderedes ver mámoas, petróglifos e muíños de tres tipos: de auga, de vento e de marea. Poderedes facer algunha das rutas que van pola beira dos dous ríos e o regato que pasan polo municipio e ver unha gran variedade de árbores e animais. Ou gozar da praia artificial, da piscina ou dos xogos e actividades que se desenvolven na contorna do paseo fluvial.
E, por suposto, debedes achegarvos ás Torres de Oeste onde este domingo terá lugar o desembarco vikingo que recrea os ataques das xentes do norte que entraban pola ría e subían polo Ulla para saquear Compostela. Son os restos do poderoso castelo no que naceu o arcebispo Xelmírez.
Se queredes coñecer todos os segredos deste municipio… non deixedes de visitalo!