Álex Casanova é un dos novos valores musicais da escena galega. A pesares de ser moi novo, conta xa cunha interesante traxectoria que iniciou liderando o grupo The Friendows e que continúa agora en solitario. El abre o disco dos Bolechas.
Como mola! é o título do tema que Álex Casanova compuxo para Os Bolechas fan unha banda. Pop electrónico, coidado e moi divertido, perfecto para abrir este primeiro disco dos Bolechas. Álex cóntanos como xurdiu esta colaboración.
Como recibiches a proposta de participar neste disco?
Comentoumo Carlos –o produtor do disco– e dixen que si ao momento. Xa colaborara con el noutros proxectos infantís e é algo que me gusta especialmente, porque combina a produción musical coa súa difusión, sobre todo coa parte máis educativa, que é xustamente o que eu estudei.
A túa canción fai referencia aos xogos tradicionais. Como xurdiu a idea?
Quería unha letra que fose interesante para os nenos e pensei enseguida no dos xogos tradicionais, eses aos que xogaban os nosos avós e os nosos pais e que a maioría dos nenos de hoxe non coñecen. Quero que, polo menos, saiban que hai outros xogos ademais das consolas e pregunten na casa por eles.
No que non tiveches dúbida foi na música, porque o teu estilo alegre e moi bailable adáptase perfectamente ao público Bolechas...
Si, eu fago pop electrónico e é verdade que funciona moi ben entre os máis novos. A miña música está nesa onda e vai ben para o tipo de disco, polo que non tiven que cambiar nin experimentar nada diferente ao que fago habitualmente.
Que é o que máis che gustou deste traballo?
O feito de poder combinar as miñas dúas paixóns: a música e a educación. Eu son músico pero son profesor de Educación musical, e este proxecto reúne moi ben ámbalas dúas disciplinas. Agardo que lles guste moito aos nenos.