Os Bolechas sairán mañá, martes, na cabalgata dos Reis Magos de Ourense. Irán no autobús da Televisión de Galicia acompañando a outros personaxes infantís da canle pública galega.
Os Bolechas volverán acompañar, como xa fixeran o ano pasado, ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente nunha das cabalgatas reais que percorrerán Galicia mañá, 5 de xaneiro. Nesta ocasión os irmáns percorrerán as rúas de Ourense no autobús da Televisión de Galicia, acompañados doutros personaxes da canle pública galega como o Xabarín.
Os Bolechas esperarán a chegada das súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar á Estación Empalme ás 17.30 h para percorrer con eles as principais rúas da cidade. A Cabalgata sairá ás 18:00 h e pasará pola Avenida das Caldas, Ponte Romana, rúa Progreso e Dr. Marañón ata a Praza Maior, atendendo as peticións dos máis pequenos e poñendo música e cor ao día máis máxico do ano.