Unha historia rianxeira

Este xoves, 8 de xuño, ás 18:00 h, preséntase na  Biblioteca Municipal Castelao, de Rianxo, Os Bolechas, unha historia rianxeira". Pepe Carreiro estará no acto xunto cos responsables municipais para dar a coñecer a súa nova obra. 


07 de xuño de 2017



Este xoves, a Biblioteca Municipal Castelao de Rianxo acollerá a presentación da última aventura dos Bolechas: Unha historia rianxeira. A partir das 18:00 h o autor, Pepe Carreiro, acompañado do alcalde, Adolfo Muíños, e de Raquel García, concelleira de Cultura, Xuventude, Educación e Normalización, darán a coñecer o novo libro pertencente á colección Guías.

A historia comeza cando os irmáns Bolechas van a Rianxo a visitar a súa amiga Baia. Guadalupe, a bisavoa de Baia, cóntalles a historia dunha foto onde saen ela cando era pequena e Castelao, o artista e político galeguista, que tamén era rianxeiro. Así, Bolechas e lectores coñecerán moito máis do autor e da fermosa vila arousá.  

O libro estará á venda na Casa Museo de Manuel Antonio a un prezo de 5 euros.









Arquivos