Estreamos o AUTOBÚS DOS BOLECHAS

Este domingo presentamos o novo vehículo dos Bolechas: un espectacular autobús de dúas plantas ao máis puro estilo londinense. Poderá verse polas rúas de Compostela durante a cabalgata de Reis.   


03 de xaneiro de 2014



Os Reis Magos traeranlle este ano aos Bolechas un regalazo: un novo vehículo que se suma ao seu R4 e que lles permitirá desplazarse moito máis comodamente, posto que se trata dun impresionante autobús clásico, de estilo inglés, de dúas plantas e convertible, adaptado para trasladar a esta gran familia.

O novo autobús dos Bolechas presentarase publicamente este domingo en Santiago, onde acompañará á comitiva dos Reis Magos durante a tradicional cabalgata. Na planta superior do autobús irán varios irmáns Bolechas acompañados do Xabarín da TVG, que saudarán os pequenos que se acheguen á cidade para ver o desfile. Ademais do autobús, na comitiva irá tamén o coche dos Bolechas, o R4.

Será a primeira saída do novo vehículo dos Bolechas, que pronto se converterá nun referente da popular familia debido á súa espectacularidade, que non deixará a ninguén indiferente, pero tamén ás múltiples actividades que acollerá no seu interior e que permitirán ofrecer novas accións destinadas aos máis novos.

Tamén na cabalgata de Vigo

Os Bolechas, que non son magos, coma os Reis, terán que repartirse este domingo para estar presentes tamén na cabalgata de Vigo. Neste caso irán a bordo do autobús da Televisión de Galicia, desde onde saudarán a todas as nenas e nenos que se congreguen nas rúas para ver pasar aos Reis Magos e a toda a comitiva que os acompañará no seu percorrido. 









Arquivos