Recrutamos superheroes da reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos

Os Bolechas convértense nos Electrecos, os superheroes da reciclaxe que durante este mes de decembro recrutarán a máis de 2.000 escolares para conciencialos no tratamento dos aparellos eléctricos e electrónicos.


11 de decembro de 2018



A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña infantil para fomentar a reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), co fin de que as novas xeracións coñezan a importancia de tratar adecuadamente este lixo. Para axudar nesta importante mensaxe, os Bolechas convertéronse nos Electrecos, superheroes da reciclaxe de RAEE.

Ecocarlos, Ecobraulio, Ecopili, Ecololi, Ecosonia, Ecotatá e, como non, Ecochispa serán os encargados de explicar de forma amena e moi didáctica pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos, ao tempo que recrutan novos superheroes nos centros educativos de Galicia para formar un gran movemento de superheroes da reciclaxe e defensores do planeta.

Só este mes de decembro os Electrecos chegarán a máis de 2.300 escolares de 56 centros de educación infantil e primaria, aínda que a actividade continuará ao longo do curso escolar ata chegar aos 350 colexios de toda Galicia, aos que levarán unha gran variedade de materiais de todo tipo: contos, teatro, audiovisuais, xogos, unidades didácticas, cadernos de exercicios, adhesivos, folletos etc.

Xunto coas visitas presenciais, ponse en marcha a área virtual www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas, con material informativo e didáctico, así como xogos e actividades para que todos os centros educativos da comunidade poidan traballar este tema.

Visitas

Os Electrecos pasaron xa por máis de vinte centros. Hoxe mesmo, martes 11, estiveron no CEIP Eusebio da Guarda da Coruña, o Bormoio-Agualada de Coristanco, o Manuel Mato Vizoso de Vilalba e os centros Calvo Sotelo e Vila do Arenteiro do Carballiño.

Mañá, día 12 pasarán polo CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, o CEP da Cañiza e as EEI de Vilalba e A Marisma de Redondela. O xoves 13 estarán nos CEIP de Cespón (Boiro), Bibei (Viana do Bolo) e Cabada Vázquez (A Estrada), nos CPI Dr. López Suárez (Friol) e Laureano Prieto (A Gudiña) e no CEP de Sabarís (Baiona).  E o venres visitarán o EEI de Lañas (A Baña), o CPI A Xunqueira (Fene), o CEP Carlos Casares (Salvaterra de Miño) e os CEIP de Oímbra (Oímbra), Albeiros (Lugo) e O Castiñeiro (Laza).

As visitas continuarán a próxima semana no CEIP Plurilingüe de Tarrío (Culleredo), CEIP de Ponzos (Ferrol), CEIP Campomaior (Ordes), EEI Bispo Teodomiro (Santiago), CEIP Vistahermosa (Ourense), CPI do Toural (Vilaboa), CEIP Curros Enríquez (A Coruña), EEI de Sabaxáns (Brión), CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), CEIP Plurilingüe Albino Núñez (Ourense), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo), CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo), CPR Plurilingüe La Salle (Ferrol), CPI Tino Grandío (Guntín), CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Vigo), CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces).









Arquivos